ACCIÓN CULTURAL

A Asociación Cultural Francisco Asorey edita o catálogo de obras do escultor coa colaboración do Concello de Santiago

14/01/2016 A Asociación Cultural Francisco Asorey presentou este xoves na Casa do Concello o primeiro volume do catálogo de obras do escultor. Fíxoo a presidenta de dita Asociación, María del Carmen Asorey Abelleira, e o seu secretario, Vicente Pérez, acompañados da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xa que o Concello de Santiago colaborou na elaboración do traballo. Non existía unha catalogación das obras de Asorey e por iso, hai uns catro anos, dende a asociación decidiron comezar este traballo do que hoxe vemos o seu primeiro froito. Ademais de en papel, o material está tamén dixitalizado e incluso pode consultarse nunha aplicación móbil para dispositivos Android.

O paso do tempo -Asorey finou hai máis de 54 anos- fixo que o labor que agora desenvolveu a Asociación Cultural e os descendentes do escultor en colaboración co Concello de Santiago, tivese bastante dificultade. Pero era un traballo necesario para que a obra do escultor poida ser estudada e lembrada. Así, comezaron as investigacións hai catro anos e, froito deste traballo de investigación, logrouse recuperar do esquecemento obras tan significativas e que estaban en paradoiro descoñecido dende hai anos coma Nai de Door, Naiciña, ou mesmo o San Cristovo, que a Asociación Cultural Francisco Asorey ensinou na exposición do 125 aniversario do nacemento do escultor.

En total este primeiro volume do catálogo da obra de Asorey consta de 124 obras editadas cronoloxicamente, das máis de 300 que a familia e a Asociación teñen inventariadas. E ademais desas obras que estaban en paradoiro descoñecido das que falabamos, dentro deste primeiro volume aparecen tamén as máis coñecidas polo público. Son moitas as persoas que colaboraron neste catálogo e están xa a traballar no segundo e terceiro volumes.

O feito de que non existira un compendio da obra de Asorey dificultaba o seu estudo e divulgación e é por iso que, unha vez feito o traballo de recuperación, dende a Asociación decidiuse recompilalo de todas as formas posibles. Por iso, a edición deste catálogo non so está dispoñible en papel, senón que tamén está a disposición do público en formato dixital, CD, memorias USB, e tamén na app que ten a Asociación para dispositivos con software Android.

Francisco Asorey, fillo adoptivo de Compostela
Francisco Asorey González foi un afamado escultor galego do século XX. Nado en Cambados no ano 1889, desenvolve practicamente toda a súa carreira en Santiago de Compostela, onde se instala no ano de 1918. O seu primeiro taller sitúase na rúa Caramoniña, ata que en 1930 se traslada definitivamente a Tras Santa Clara, onde constrúe o seu taller definitivo. Deste taller sairán case todos os grandes monumentos que fixo Asorey e moitas das súas obras máis sobranceiras.

En Santiago compaxina o seu labor como escultor co de escultor anatómico da Facultade de Medicina, onde obtén a praza por oposición no mesmo ano 1918. Tamén é mestre na Escola de Artes e Oficios e director da mesma entre outros traballos. Morre en Compostela en 1961.

A obra de Asorey, fillo adoptivo de Santiago de Compostela, é moi prolífera. El mesmo se atreve a dicir nunha entrevista que ten feito máis de mil obras, aínda que en realidade, catalogando, a Asociación conclúe que non se chega a esa cifra. Outro factor a destacar na obra de Asorey é a gran cantidade de encargos de particulares que seguen a estar en mans das familias da persoa que as encargaba. Con este volume e os dous que se están elaborando xa, toda a súa obra quedará catalogada e recompilada para poder ser difundida e estudada e mantela así no tempo.

Compartir: