ECONOMÍA E FACENDA

O Goberno local presenta unha proposta de orzamento centrada nas políticas sociais, o rural e o mantemento da cidade

14/01/2016 A concelleira de Facenda, María Rozas, presentou este xoves a proposta do Goberno para os orzamentos de 2016, proposta que xa lle foi aportada aos grupos da oposición nunha reunión celebrada esta mañá e que estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega. O proxecto presentado polo Goberno contempla un orzamento equilibrado en ingresos e gastos, por un total de 99.445.651,04 euros. O orzamento consolidado, o que incorpora as contas de Tussa, Incolsa e o Auditorio, achégase aos 106.612.666,65 euros.

María Rozas incidiu en que o presentado hoxe é un documento aberto ás achegas da oposición. De feito, xa están convocadas dúas xuntanzas semanais ao longo do vindeiro mes, co obxectivo de consensuar as contas o máximo posible. Por ese motivo, o proxecto foi sometido a unha fiscalización previa, pero aínda non definitiva.

A concelleira explicou que ao longo deste proceso de diálogo poderanse modificar diferentes partidas, se ben a cifra global das contas non sufrirá grandes cambios "porque estamos ante uns orzamentos realistas, sen estimacións infladas nin nos ingresos nin nos gastos". Nese sentido, sinalou que as contas " non sofren unha gran baixada con respecto a 2015, porque aínda que se orzamentaran 102,6 millóns de euros, contempláranse ingresos por venda de terreos que nunca se chegaron a obter, duplicárase a partida de participación nos ingresos do Estado e incluírase unha contía para o proxecto Smart Iago que non se executou".

Explicou que a baixada de ingresos está relacionada fundamentalmente cos impostos directos, e máis en concreto coa rebaixa do tipo do IBI incluída nas ordenanzas fiscais. Iso si, a concelleira aclarou que se paliará esa caída cun Plan de Control Tributario que vén de ser aprobado, e cun convenio de regularización catastral asinado no mes de decembro. No que ten que ver co Imposto de Construcións e Licenzas Urbanísticas, contémplase unha baixada de un millón de euros, máis acorde ao que finalmente se executou en 2015. Tamén baixan as transferencias correntes, porque dende 2015 reflectíase un ingreso pola Participación nos Ingresos de Estado de 5 millón de euros, no lugar dos 2,5 millóns que realmente se transfiren ás arcas municipais.

Para compensar esa caída de ingresos, e a obriga de amortizar máis débeda que en exercicios anteriores, o Goberno contempla no seu proxecto de orzamentos unha operación de préstamo de 5,4 millóns de euros. María Rozas explicou que "o Concello ten capacidade de endebedamento" e sinalou que "a cifra do crédito é susceptible de variacións, en función das achegas que faga a oposición".

Aposta polo gasto social
A proposta de orzamentos do Goberno municipal fai unha clara aposta polo gasto social, incrementando estas partidas ata 8,4 millóns de euros (un 35% máis que en 2015). Ese incremento permitirá dotar con 65.000 euros máis as bolsas de comedor (alcanzando os 200.000 euros), aumentar en 340.000 euros as axudas á dependencia, ou destinar o 0,2% do orzamento a políticas de cooperación ao desenvolvemento, emigración e inmigración. Do mesmo xeito, os orzamentos incorporan as subvencións ás entidades que forman os equipos de rúa que traballan coas persoas sen teito, as vivendas municipais de saída para este mesmo colectivo, ou a primeira anualidade do Centro de Acollida de Persoas sen Teito (un proxecto plurianual vinculado aos fondos europeos do POCS).

En materia de igualdade, os orzamentos inclúen partidas para o Plan de Igualdade e para a creación da Casa das Mulleres, que estará ubicada no baixo que ocupaba antigamente Emuvissa (no que se van investir 154.000 euros). Nos orzamentos tamén aumenta, en 400.000 euros, o investimento destinado ao emprego, ata situarse en 2.070.361,49 euros.

Mantemento, reequilibrio territorial e outros investimentos
O proxecto de orzamentos para 2016 non quere facer unha aposta por grandes obras, pero si polo mantemento da cidade, descoidado nos últimos anos. Para iso, destínase un millón de euros (o dobre que en 2015). O obxectivo, explicou María Rozas, é "facer reparacións en rúas e beirarrúas de toda a cidade, e tamén en instalacións coma os polideportivos". Nesa liña, a concelleira de Facenda sinalou que o Goberno quere facer seu o lema "Manter é querer, porque querer á cidade é mantela no mellor estado posible".

Outra das grandes apostas das contas é o rural de Compostela, ao que se destinan dous millóns de euros (un millón de euros máis que en 2015). Nesa partida inclúense proxectos que son vellas demandas veciñais como obras de abastecemento en Sionlla de Abaixo, recuperación de pavimentos en Villestro, Eixo, Aríns, Busto ou Marantes, melloras no alumeado público, o arranxo das beirarrúas do Tambre ou a primeira fase das obras de mellora do vial da Cañoteira, en Marrozos.

Nesa liña de atender as demandas veciñais, o capítulo de investimentos das contas incorporaron peticións realizadas nas reunións celebradas ao longo dos últimos meses. Entre elas destacan a remodelación do CEIP Apóstolo Santiago, o aparcamento disuasorio da parcela do Sergas en Conxo, ou a área de xogos de Meixonfrío. Tamén se incorpora a primeira anualidade dun plan para remodelar as áreas de xogo dos 16 CEIPs de Compostela ao longo de toda a lexislatura. Para 2016, prevense obras en catro centros.

Entre os grandes investimentos contemplados no documento figuran algúns proxectos vinculados aos fondos europeos do POCS, coma un plan para a instalación de ascensores en barrios desfavorecidos, as obras de recuperación de Patio de Madres e Castrón d´Ouro, a humanización do Campus Sur ou o acondicionamento de rutas no cauce do Sarela. Doutra banda, os orzamentos de 2016 reservan as partidas necesarias para as expropiacións dos terreos precisos para as obras da estación intermodal e do enlace orbital da AP-9.

Orzamento consolidado
O orzamento consolidado, o que inclúe as contas de Tussa, Incolsa e o Auditorio de Galicia sitúase en 106.612.666,65 euros no campo dos ingresos, e en 106.548.172,79 euros no dos gastos.

No caso de Tussa, o orzamento é de 1.794.457,30 euros nos ingresos, e de 1.563.034,87 euros nos gastos. Incolsa prevé para 2016 uns ingresos de 3.023.621,34 euros, e uns gastos de 3.190.549,91 euros. Por último, o Auditorio ten un orzamento compensado en ingresos e gastos de 2.348.936,97 euros.

Compartir: