ESPAZOS CIDADÁNS

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible 2015-2025 contempla máis de 100 accións para lograr unha Compostela inclusiva, patrimonial e accesible

12/01/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presentou este martes a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), un documento que contempla accións para o período 2015-2025 e co que o Concello de Santiago aspira a 15 millóns de euros de fondos europeos, do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2015-2020. Esta estratexia foi sometida á deliberación do Pleno nunha sesión extraordinaria celebrada tamén este martes. Saíu adiante cos votos favorables do grupo do Goberno e coa abstención dos outros grupos municipais.

A Estratexia DUSI inclúe unha exhaustiva análise da situación actual de Compostela, partindo dunha identificación inicial dos principais problemas e retos da cidade e das súas potencialidades. Neste proceso, o Concello apostou pola participación, elaborando enquisas cidadás vía online que cubriron preto de 700 persoas (entre cidadanía en xeral e expertos). Tamén houbo mesas de debate entre expertos, e unha gran mesa de traballo na que participaron os catro grupos da corporación municipal, expertos como o ex alcalde Xerardo Estévez e representantes dos principais colectivos de Santiago. Tamén se celebraron mesas participativas en torno ás políticas de emprego, cuxas conclusións se recolleron tamén na estratexia.

A maiores, elaborouse unha análise sobre aspectos como a mobilidade, as condicións ambientais e climáticas, o consumo enerxético, a situación económica ou o contexto social na capital galega. Tendo en conta ese mapa, a Estratexia DUSI inclúe un Plan de Implementación con 10 liñas estratéxicas e máis dun cento de accións concretas. Todas elas queren responder aos retos que ten a cidade dende o punto de vista económico (incremento do PIB, aumento do turismo…), ambiental e climático (redución da produción de residuos sólidos urbanos, aumento do uso do transporte público, rebaixa do consumo de auga e produción de CO2…), demográfico (incremento da poboación de Compostela), e social (fomento da igualdade entre homes e mulleres, rexeneración de barrios e vivendas desfavorecidas, garante do acceso aos servizos sociais…).

Por unha Compostela inclusiva, accesible e patrimonial
O obxectivo final da Estratexia DUSI é conseguir unha Compostela inclusiva, accesible e patrimonial. Para iso, o documento comprende máis dun cento de accións concretas, das que a metade forman parte do Plan de Implementación que opta aos 15 millóns de euros de Fondos Europeos. O orzamento total destes proxectos está estimado en 18.750.000 euros. Esas accións van divididas en dez liñas estratéxicas:

1.-Rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos: inclúe actuacións coma un Centro Municipal de Acollida para persoas sen fogar, actividades de formación na cultura maker "Faino ti", programa Compostela Amigable coas persoas maiores, plan municipal de alugueiros...

2.-Revitalización do espazo público das comunidades desfavorecidas: inclúe actuacións para a rexeneración física, económica e social do entorno rural e urbano, con proxectos concretos en puntos coma o barrio de Belvís, a avenida de Lugo ou a rúa Batalla de Clavijo.

3.-Actuacións en vivendas en barrios desfavorecidos: inclúe un programa para a instalación de ascensores e axudas para a mellora da accesibilidade.

4.-As TIC para a mellora da calidade de vida: proponse botar man das tecnoloxías da información e a comunicación para mellorar a xestión de servizos públicos como a limpeza viaria ou os residuos sólidos urbanos, e poñelos a disposición dos cidadáns.

5.-Recuperación do espazo público urbano e mellora do contorno: son actuacións dirixidas a rehabilitar e mellorar o contorno urbano, con proxectos como a mellora de Patio Madres e Castrón d´Ouro, a recuperación da Costa de Santa Susana, ou a recuperación do Campus Sur.

6.-Fomento da mobilidade urbana sostible: entre as accións que se levarán a cabo figuran a revisión do Plan de Mobilidade Urbana, a redacción dun Plan de Accesibilidade Universal, o estudo da funcionalidade e tratamento de puntos conflitivos para o tráfico como a praza de Galicia ou a avenida de Xoán XXIII, o estudo de mellora e conexión de camiños peonís ou a integración da Cidade da Cultura co tecido urbano de Compostela.

7.-Recuperación e promoción do patrimonio natural: son actuacións dirixidas á protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio natural, con especial atención aos que teñen interese turístico. Contempla actuacións concretas como a mellora dos accesos ao Parque de Belvís, a restauración do paseo fluvial do Sarela, ou o acondicionamento de sendas peonís ao carón do río Sar.

8.-Rehabilitación e promoción do patrimonio histórico, arquitectónico e cultural: inclúe a rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos na conca do río Sarela, a posta en valor do Castelo da Rocha (tanto do propio xacemento como dos accesos e conexións co contorno) e da estación arqueolóxica de Roxos, e actuacións no Camiño de Bergantiños.

9.-Desenvolvemento e promoción de activos culturais e naturais orientados ao desenvolvemento turístico: contempla a elaboración de rutas alternativas de turismo que enlacen patrimonio cultural-natural-inmaterial, e campañas sociais para a posta en valor do "outro" Santiago.

10.- Mellora da eficiencia enerxética e aumento das enerxías renovables: son actuacións dirixidas a reducir o consumo enerxético, mediante actuacións nos inmobles de titularidade municipal e a elaboración dun manual de boas prácticas de consumo e eficiencia.

Está previsto que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, responsable de repartir os fondos europeos, dea a coñecer a súa resolución a finais do mes de maio. Saberase entón se Compostela consegue os 15 millóns de euros, a cifra máxima á que poden optar as cidades de máis de 50.000 habitantes.

Compartir: