MEDIO AMBIENTE

Empezan as actividades no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís

11/01/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Belvís está iniciando unha nova etapa, e para a súa reapertura ten previsto un amplo programa de actividades deseñadas pola cooperativa Feitoría Verde. As primeiras terán como destinatarios aos máis pequenos da casa, porque os rapaces van ser protagonistas da programación do CIAC neste 2016.

O sábado 23 de xaneiro, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela acollerá un obradoiro de "Fabricación de xoguetes con materiais de refugallo". A actividade está pensada para cativos e cativas de entre 7 e 10 anos, e ten como obxectivo amosarlles o doado que é divertirse aproveitando cousas que todos temos na casa. Trátase dun taller moi práctico, económico e tamén ecolóxico. O horario será de 17:00 a 18:30 horas.

A programación do CIAC continuará o martes 26 de xaneiro, cunha xornada de portas abertas para profesorado. Será tamén en horario de tarde, de 17:30 a 18:00 horas. Con esta iniciativa, preténdese que os mestres coñezan o centro e os seus recursos, para que o teñan en conta á hora de deseñar o seu programa educativo e as súas saídas durante o curso.

No sábado 30 de xaneiro, de 12:00 a 13:30 horas, o CIAC organiza a primeira das visitas guiadas desta nova etapa. Será un roteiro interpretativo polo propio parque de Belvís, para dar a coñecer os moitos usos e funcións que ten este espazo. O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela organizará roteiros coma este todos os últimos sábados de cada mes.

Programa de actividades
Para este 2016, Feitoría Verde elaborou unha programación baseada na experiencia dos dous últimos anos, nos que a cooperativa estivo xa á fronte do Centro de Interpretación Ambiental de Belvís. Así, mantéñense actividades permanentes como as visitas guiadas á exposición do CIAC, instalada en sete salas e na que se fala de diferentes aspectos relacionados coa ecoloxía urbana de Compostela. Tamén se poden facer visitas libres, dentro do horario do centro. En inverno, de outubro a xuño, as instalacións están abertas sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:00, e de 16:30 a 19:00 horas. No verán, o centro abrirá de martes a venres de 17:00 a 19:00, e os sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

Feitoría Verde tamén propón actividades puntuais, como ciclos de cinema ambiental, préstamo de libros, eventos especiais en efemérides como o Día das Árbores ou o Día da Auga ou xornadas de divulgación ambiental. Haberá tamén actividades específicas para os centros escolares, con xornadas de portas abertas e programas de educación ambiental.

Todas as actividades ofertadas polo CIAC son de balde, pero é preciso inscribirse porque teñen aforo limitado.

Máis información a través da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal e do teléfono 981 543145.

Compartir: