DEPORTES

A Fundación Compostela Deporte convoca axudas para clubs federados

18/10/2006 Axudar aos clubs de Santiago na súa tarefa a prol do deporte de base da cidade é o obxectivo das axudas que para os mesmos convoca a Fundación Compostela Deporte. Ademais, pretenden contribuír á elaboración dun censo dos deportistas do Concello de Santiago e a mellorar a xestión das entidades deportivas, grazas ás axudas para gastos de desprazamento a competicións oficiais e pola compra de material. A dotación total destas axudas é de 100.000 euros.

Poden acceder a estas subvencións todos os clubs federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago. Ademais de demostrar o seu rexistro en Santiago e o seu carácter federado, cumprimentar a folla de solicitude e acreditar os datos persoais e deportivos, os interesados deben presentar a liquidación do presuposto da tempada anterior.

A instancia de solicitude dirixirase á Fundación Compostela Deporte, con domicilio no Estadio de San Lázaro, Porta 16. O prazo remata o 20 de novembro.

Os club percibirán unha contía fixa de 300 euros en vale de material deportivo, coa presentación da solicitude. Esta cantidade poderá incrementarse a razón de 10 euros por cada licenza tramitada e coa mutualidade pagada. Outro grupo de axudas destínase á mellora da xestión da entidade. Por un lado, subvenciónanse os gastos en desprazamentos, dos que a Fundación asumirá ata o 30% das facturas presentadas, ata un máximo de 500 euros por clube. Para os que acrediten desprazamento a unha distancia superior a 50 Km de Santiago percibirán unha contía de 120 euros. A dotación para este apartado será de 15.000 euros.

Por outra parte, concédense axudas para material informático que facilite a xestión administrativa. A Fundación asumirá o 40% das facturas presentadas ata un máximo de 300 € por club. A dotación para este apartado será de 15.000 €. Finalmente, establécese unha achega en material deportivo, con vales de compra do 25% en produtos da marca Puma. O Acto de entrega das axudas formalizarase cunha cea-espectáculo en homenaxe a todos os integrantes da familia deportiva de Santiago.

De xeito paralelo, a Fundación repartirá entre os clubs que se acollan á convocatoria das axudas 100.000 rifas para o sorteo dun automóbil Fiat Punto por valor de 100.000 euros.

Compartir: