ALCALDÍA

O alcalde valora a redución do 3% nas infraccións penais e a fluída coordinación entre os diferentes corpos policiais

12/01/2016 A Casa do Concello acolleu unha nova reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade presidida polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e polo subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Entre outras cuestións, na xuntanza analizáronse os último índices de criminalidade dispoñibles, que reflicten que as infraccións penais se reduciron nun 3% en 2015 respecto ao ano precedente

Para Martiño Noriega, estes datos veñen a demostrar que Santiago de Compostela segue sendo unha "cidade segura" e constatan a "fluída e operativa" coordinación entre os diferentes corpos policiais. Así o referendou tamén Jorge Atán a propósito duns datos que estimou "bastante positivos" e que indican que unicamente aumentaron aqueles delitos relacionados con estafas ou tarxetas de crédito.

Ademais de analizar os índices de delitos, na reunión avanzouse na coordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional cara este ano 2016, no que se prevé un incremento da afluencia de xente na cidade. En función da evolución desta presenza de visitantes valorarase se manter ou incrementar o dispositivo de seguridade actual. Esta coordinación tamén se abordou no ámbito dos eventos extraordinarios.

Outra das cuestións tratadas foi a Lei Orgánica 4/2015, de Protección da Seguridade Cidadá, que entrou en vigor o 1 de xullo de 2015. Esta norma concede aos concellos e aos seus alcaldes determinadas facultades sancionadoras sobre delitos producidos en espazos ou vías públicas. Martiño Noriega apuntou que o Concello vai estudar se asume esas competencias -relativas a cuestións como horarios, insultos a axentes da autoridade ou pintadas, entre outros- ou segue derivándoas á Delegación do Goberno.

A nova normativa sobre espectáculos pirotécnicos foi tamén un asunto abordado na Xunta Local de Seguridade. Tratábase de dar conta das modificacións formais que a lexislación establece en canto á documentación a presentar por administracións ou concesionarias para espectáculos con menos de 100 quilos de carga explosiva.

Finalmente, tanto Policía Local como Policía Nacional presentaron respectivos informes sobre a problemática dos sen teito, complementados coa posta en coñecemento das diferentes accións sociais e intervencións que ten posto en marcha o Concello. O alcalde insistiu en que "non hai solucións máxicas" para un problema que, lembrou, é común a todas as cidades. Sen esquecer o labor policial, a aposta municipal pola prevención e a atención directa ás persoas sen fogar.

Compartir: