ALCALDÍA

Martiño Noriega insta a Fomento a facer os seus deberes en Compostela

08/01/2016 O alcalde de Santiago instou hoxe ao Ministerio de Fomento a cumprir os seus compromisos coa cidade, e avogou porque "o feito de termos un Goberno en funcións non paralice actuacións vitais para Compostela". Martiño Noriega expresou o seu malestar polo retraso das obras do túnel de Conxo, e lembrou que axilizar estes traballos fora unha das promesas de Ana Pastor na reunión celebrada en Madrid no pasado 2 de setembro.

O rexedor lamentou que o Ministerio de Fomento cesara o diálogo co Concello nas semanas previas ás eleccións xerais do 20 de decembro, deixando sen responder varios correos electrónicos e solicitudes de conversas. Noriega reivindicou que, xa pasados os comicios, "o Goberno ten que retomar a súa actividade e as súas obrigas, aínda que estea en funcións". Para o alcalde, "non se pode confundir estar en funcións con ser incompetente". Hoxe mesmo, o Goberno local remitiulle unha nova comunicación ao Ministerio de Fomento, amosando o seu malestar e lembrándolle os compromisos adquiridos por Ana Pastor coa capital galega.

Compromisos pendentes
O alcalde volveulle esixir ao Ministerio de Fomento que fixe unha data definitiva para o remate das obras do paso inferior de Conxo, "unha vez demostrado que era irreal manter o prazo do 31 de decembro co ritmo que levaba a actuación, tal e como o Concello viña mantendo desde hai meses". Agora, xa comezado o ano 2016, non hai unha data alternativa para o remate dos traballos, nin información fluída sobre o estado das obras. Martiño Noriega explicou que o Goberno local vén mantendo contactos coa dirección de obra, que confirman que se está traballando a bo ritmo, pero que non está autorizada para falar de prazos e remite ao Ministerio de Fomento, que segue sen dar unha nova data para a finalización do túnel.

Ademais do relativo a Conxo, o rexedor lamentou que a ministra de Fomento en funcións teña esquecidos outros dos compromisos que adquiriu co Concello de Santiago na reunión de setembro. Entre eles, lembrou que Ana Pastor anunciara a licitación das conexións da AP-9 coa A-54 e a N-550 antes do remate de 2015, "pero aínda non se deu ningún paso en firme".

Martiño Noriega subliñou tamén que a ministra se mostrara disposta a axilizar o proxecto da estación intermodal. Dende o Ministerio de Fomento explicárase que está contratada cunha consultora o estudo dun anteproxecto para a estación, e o Goberno local solicitou en varias ocasións celebrar unha reunión de coordinación entre os catro actores implicados: Concello, Xunta, Ministerio de Fomento e ADIF. Tampouco houbo resposta aínda por parte do departamento de Ana Pastor.

Xunta de Goberno
O alcalde falou destas cuestións no transcurso da rolda de prensa habitual dos venres para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno. Na mesma, deuse o visto bo ao inicio dos trámites para a recepción parcial das obras de mellora e da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre (Fase I), nos ámbitos das zonas I e II. Tamén se concederon diversos beneficios fiscais relativos a impostos municipais e rexeitouse unha solicitude de exención no imposto sobre bens inmobles (IBI).

Documentos relacionados



Compartir: