CONVIVENCIA

O Concello activa un operativo de seguridade ante as malas previsións meteorolóxicas

08/01/2016 O Goberno local vén de activar un operativo especial de seguridade, ante as malas previsións meteorolóxicas para os vindeiros días. Aínda que a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) non activou de momento ningún nivel de alerta para a fin de semana, as predicións falan de que se van repetir os episodios de vento e fortes chuvias das últimas xornadas. É por iso que durante a fin de semana vai haber un reforzo nos servizos de Policía Local, Bombeiros e Viaqua, co obxectivo de solucionar con axilidade calquera incidencia que se produza.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta das incidencias rexistradas en Compostela por mor do temporal de vento e chuvia. Xan Duro explicou que a maioría dos problemas rexistráronse na zona rural, con pequenos asolagamentos e corrementos de terra en Figueiras, Santa Cristina de Fecha ou Grixoa. Ademais, o río Sar desbordou á altura de Laraño, pero sen causar danos.

Nesta mesma parroquia, rexistrouse un problema na rede de colectores, no punto de conexión das tubaxes vellas coas novas que van dar á depuradora, e que teñen un maior diámetro. Segundo explicou o concelleiro, a Confederación Hidrográfica non regulou o fluxo de auga a tempo, e iso fixo que se producira un desbordamento. Algo semellante sucedeu na fonte de San Clemente, xa na cidade histórica, onde tamén desbordaron augas pluviais e fecais no punto no que conectan tubaxes de distintas dimensións.

Unha das principais incidencias da xornada foi o derrubo dun muro na Alameda que separa a carballeira de Santa Susana do Paseo dos Leóns, nun tramo de tres metros. Ao parecer, a estrutura quedou debilitada pola maquinaria pesada durante as obras executadas no parque. O Concello xa está traballando para solucionalo.

Compartir: