TURISMO

Compostela Gastronómica afianza a súa edición especial de Nadal

08/01/2016 A edición de Nadal de Compostela Gastronómica rematou tras 18 días de actividades relacionadas coa cociña e a época do Nadal, así como de degustacións e visitas guiadas polo mercado, nas que participaron máis de 500 persoas.

As actividades centrais de Compostela Gastronómica, edición especial de Nadal, foron os dez obradoiros de cociña para todos os públicos na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, coa participación de Luisa García, propietaria do Hotel A Quinta da Auga, e Xosé Signiorini, da Floristería Adria, en Bertamiráns; Manel Oliveira, de Tapería Castelao; Kike Piñeiro e Vanesa Vera, da Horta D’Obradoiro; Mari Carmen, de Peixes Mari Carmen, no Mercado de Abastos; Manuel Garea, da Pastelaría Trisquel; Ángeles Mallo, do Curro da Parra; a chef australiana Sarah Stothart; Alberto Lareo, do Restaurante Manso; a escritoria Soledad Felloza e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0.

Ademais, o programa de Compostela Gastronómica Nadal incluíu este ano varias actividades dedicadas aos escumosos galegos, como as catas de degustación das Adegas Lagar de Besada, Mar de Frades e Pablo Padín, e a iniciativa Camiño das Burbullas, Ruta dos Escumosos Galegos, un percorrido por 18 establecementos de Santiago cunha selección de escumosos galegos, tanto en copa como en botella.

A Aula Gastronómica do Mercado de Abastos acolleu tamén nove obradoiros infantís, nos que os máis pequenos aprenderon a facer pratos sinxelos e divertidos con receitas pensadas especialmente para as festas do Nadal, con produtos de proximidade, como bombóns de arroz con leite, colares de castaña e chocolatada, mini tartas de Santiago ou sanandresiños comestibles.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa con vocación de continuidade e de converterse nunha plataforma e punto de referencia da cultura gastronómica galega, para amosar as posibilidades dos produtos e da restauración de Galicia, e moi especialmente os de Santiago e os seus arredores. Unha marca paraugas baixo a que se inclúen iniciativas gastronómicas de interese para os turistas, a poboación local e o sector da restauración e servicios asociados ó longo de todo o ano.

Compartir: