NADAL

A Cabalgata de Reis encheu Compostela de música, ilusións e bos desexos

05/01/2016 As rúas de Santiago de Compostela acolleron a tradicional Cabalgata de Reis, este ano máis participativa e musical que nunca. Como cada Nadal, Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron á cidade en tren. Na estación e logo tamén no Pazo de Raxoi, foron recibidos polo alcalde, Martiño Noriega, e outros membros da Corporación.

Durante o seu percorrido polas rúas compostelás, os Reis Magos saudaron a pequenos e maiores, ao ritmo da grande animación que acompañou as carrozas, froito do traballo previo en varios obradoiros realizados nos centros socioculturais. María Fumaça, Paco Nogueiras, Magín Blanco coa Nena e o Grilo, Pablo Díaz, Xoán Curiel e Mamá Cabra dirixiron os diferentes grupos, integrados polos participantes nestes talleres.

A animación e o acompañamento dos Reis completouse cos nove paxes, elixidos por sorteo, e co grupo de nenos e nenas que ían no tren que pechaba a comitiva.

Este ano, na Cabalgata de Reis non só se regalaron caramelos, senón tamén bos desexos. Así, nos centros socioculturais preparáronse unhas tarxetas con bos desexos que se repartiron entre a xente durante o percorrido.

Festival de música infantil
A música infantil galega presidiu a Cabalgata e logo tamén o espectáculo que agardaba aos nenos na praza do Obradoiro. Os actores Pepablo Patinho e Montse Piñón, de Teatro dos Ghazafelhos, presentaron este festival infantil, con actuacións dos artistas antes mencionados.

O espectáculo entretivo a pequenos e adultos mentres agardaban para acceder ao salón vermello do Pazo de Raxoi. Alí, Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron un por un aos nenos e nenas, que lles puideron formular os seus desexos.

Compartir: