EXPOSICIÓN

A mostra "O debuxo por diante" porá en valor o debuxo como manifestación artística

18/10/2006 O Proxecto Debuxo amosará, dende o 13 de marzo ao 29 de abril de 2007, un aspecto da produción cultural e artística pouco coñecida e valorada, pero que é central na práctica artística. Farao a través dunha gran mostra, "O debuxo por diante. A obra gráfica nas coleccións públicas da cidade", que se realizará simultaneamente nas salas da Fundación-Museo Eugenio Granell, da Universidade de Santiago, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e do Auditorio de Galicia.

A iniciativa presentará ao debuxo como unha ferramenta indispensable para coñecer a arte contemporánea de todos os tempos. Ademais, permitirá sublimar a súa clara presenza en diferentes coleccións da cidade, facendo unha aproximación ao complexo e variado mundo do debuxo.

O alcalde compostelán e copresidente do Padroado da Fundación-Museo Eugenio Granell, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou unha declaración de intencións coa conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; co reitor da USC, Senén Barro; e o concelleiro de Cultura e presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Néstor Rego, para a montaxe conxunta desta exposición. As catro institucións comprométense a reflectir esta cooperación en todos os soportes os que se faga publicidade do proxecto. Tamén se editará un catálogo cunha tirada de 2.000 exemplares. Esta colaboración materializarase nun convenio en 2007.

En opinión de Sánchez Bugallo, "esta é a primeira vez que se establece unha colaboración deste tipo, que pon os principais escenarios culturais ao servizo dunha proposta como esta". Respecto á exposición, indicou que "poderemos ver a riqueza oculta desta manifestación artística e servirá para reivindicar o valor do debuxo".

A colaboración institucional tamén foi resaltada por Néstor Rego, quen se referiu á mostra como "un acontecemento importante polo feito en si mesmo e polo seu contido, que sacará á luz obras de relevancia do debuxo, que non sempre tivo a consideración doutras artes".

A exposición terá varias seccións: debuxo científico, ilustración, ilustración de prensa, debuxo para vestir, banda deseñada, debuxo dixital e fanzines. Amosaranse fondos de autores galegos coma Laxeiro, Granell, Pamen Pereira, Vicente Blanco, Salvador Cidras, Arturo Souto ou Reimundo Patiño. Tamén figurarán pintores estranxeiros coma Duschamps ou Richard Sierra.

Compartir: