PROMOCIÓN ECONÓMICA

Comeza un curso de psicomotricidade para a persoa maior

17/10/2006 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego dá comezo mércores 18 a un curso de psicomotricidade dirixido a profesionais en activo vinculados ao traballo coa terceira idade. O curso ten unha duración e 20 horas, e celébrase en horario de luns a venres, de 8 a 10 da noite, para non coincidir cos horarios de traballo dos participantes. O seu remate está previsto para o 31 de outubro.

O curso estrúturase en 10 módulos con diferentes contidos, desde o estudo dos problemas derivados do avellentamento ata a aplicación da psicomotricidade á vida diaria, pasando polo desenvolvemento de diversas actividades (exercicios, xogos, audicións musicais, técnicas de respiración) para acadar a estimulación da psicomotricidade nas persoas maiores.

Dos 15 alumnos inscritos, 13 son mulleres, o que pon de relevo a maioritaria presenza feminina no sector laboral de traballo coas persoas maiores. Trátase dunha das principais vías de entrada no mundo do traballo de cara ao futuro, e nela están centrados os esforzos de inserción doutra das liñas de actuación desenvolvidas pola Concellaría de Promoción Económica, o proxecto Persoa.

Dentro desta mesma liña de actuación, a Concellaría de Promoción Económica e Emprego impartiu tamén un curso de estimulación da memoria na terceira idade, que vén de rematar, e ten previsto poñer dar comezo en breve a outro de nutrición para persoas maiores, ámbolos dous dirixidos a traballadores en activo.

O lugar de celebración é o centro de formación que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na rúa Pérez Constanti.

Compartir: