ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Santiago é un referente en materia de vivenda e solo"

17/10/2006 Durante a inauguración das xornadas "Instrumentos de xestión urbanística previstos pola lexislación en Galicia", o alcalde compostelán salientou o papel das empresas públicas de vivenda e solo e fixo especial fincapé na importancia de Emuvissa no crecemento integral da cidade de Santiago.

O Palacio de Congresos de Santiago acolleu hoxe a inauguración das xornadas "Instrumentos de xestión urbanística previstos pola lexislación en Galicia", organizadas polo Concello de Santiago, Emuvissa, a Consellería de Vivenda, o Colexio de Rexistradores de España, a Asociación de Promotores Públicos de Vivenda e Solo e o Concello de Lugo.

Na súa intervención inaugural, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, defendeu o importante labor das empresas municipais. "Ás veces pensamos que o mercado regula e resolve todo", pero "funciona coas súas propias regras e intereses que poden provocar desaxustes", dixo. Como exemplo destes desaxustes, Bugallo destacou o problema da vivenda en España, "un país de 44 millóns de habitantes" onde se constrúen cada ano "arredor de 800.000 vivendas". "Temos o maior parque residencial do mundo en relación coa nosa poboación, e a vivenda non fai máis que subir de prezo", polo que "corresponde ás administracións públicas solventar este problema social", opinou.

Na súa intervención, o alcalde subliñou as importantes actuacións que levou a cabo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, como foi a construción do barrio das Fontiñas, "que debe ser motivo de orgullo para o instituto, a Consellería, a cidade de Santiago e todos nós", xa que é "unha demostración práctica de como nunha cidade pequena se pode sacar adiante un polígono de máis de 3.000 vivendas con estándares de calidade, equipamentos, servizos e ben integrado no tecido urbano".Sen embargo, segundo o criterio de Bugallo, tamén os concellos precisan dotarse de instrumentos para dar resposta ás necesidades en materia de vivenda e solo industrial e para garantir o cumprimento dos plans xerais de ordenación municipal. A iniciativa privada pode desenvolvelos tamén, pero "establece os seus propios prazos e prioridades". "Se nós queremos garantir un modelo de desenvolvemento da cidade integral, homoxéneo e harmónico necesitamos os nosos instrumentos, que non son incompatibles coa vivenda libre e a iniciativa privada", dixo.

"Na nosa cidade pasouse dunha porcentaxe de vivendas protexidas nos anos 95, 96 e 97 do 0 ao 50% do total da oferta de vivenda na actualidade", que se puido conseguir grazas aos operadores públicos, "encargados de garantir o dereito constitucional que consagra o acceso a unha vivenda digna", explicou o alcalde. Emuvissa, a empresa municipal de Vivenda e Solo do Concello de Santiago, "promoveu e actuou en colaboración cos axentes privados en proxectos de compensación". Emuvissa tamén utiliza a fórmula da expropiación, que xorde como unha necesidade e a través da cal se conseguiron altas porcentaxes de acordos cos veciños. "Nos polígonos desta cidade estase logrando o 90% de mutuos acordos, o que sería imposible a través doutro procedemento", porque ao final, "o obxectivo non é a expropiación en si, senón facer vivenda protexida ou solo industrial", dixo Bugallo.

Compartir: