CASCO HISTÓRICO

Santiago debateu sobre turismo sostible coas cidades Patrimonio da Humanidade dos países mediterráneos

17/10/2006 A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, participou en Córdoba na VI Conferencia Rexional da OCPM para Europa do Sur e Mediterráneo. Neste encontro, que se desenvolveu dende o día 15 ata o mediodía de hoxe, sentáronse as bases de traballo das cidades Patrimonio da Europa do Sur para os vindeiros dous anos.

O turismo sostible nas Cidades Patrimonio foi un dos temas nos que se centrou este encontro e onde Compostela aportou a experiencia do seu modelo turístico. "Santiago lidera un proxecto turístico que se quere adiantar aos acontecementos e afrontar os retos que supón soportar unha forte presión turística e apostar por un turismo de calidade", sinalou Mercedes Rosón. En Córdoba, cidade que ostenta a sede da Secretaría Xeral de Europa do Sur e o Mediterráneo da Organización de Cidades do Patrimonio Mundial, técnicos de turismo e responsables turísticos intercambiaron experiencias sobre esta materia. Así, acordouse a elaboración dun Plan de xestión do turismo sostible, que sirva de modelo para as cidades da Secretaría.

Á marxe da sostibilidade, na Conferencia abordáronse outras cuestións, coma o urbanismo, a cultura e o financiamento. Alí tomáronse decisións sobre o desenvolvemento da rede de cidades Patrimonio desta área do mundo para os vindeiros dous anos, e para sentar a posición común a adoptar no IX Congreso Mundial da OCPM, que terá lugar na cidade de Kazán (Federación Rusa) en xuño de 2007.

Tamén se acordou a celebración conxunta da solidariedade; o apoio á proposta da cidade de Aranjuez de creación da Alianza de Cidades Paisaxe Cultural Patrimonio da Humanidade; e a celebración da VIII Conferencia Rexional para Europa do Sur e Mediterráneo na cidade italiana de Nápoles, en outono de 2008.

O encontro serviu ademais para recibir novas adhesións á organización, como a das cidades francesas de Le-Havre ou Nancy, ou da mesma Roma. Santiago forma parte da Secretaría Xeral de Europa do Sur e o Mediterráneo xunto con outras dezaseis cidades españolas, que se unen a outras de Francia, Grecia, Italia, Portugal e Malta.

Compartir: