CULTURA E EDUCACIÓN

Compostela contará cun espazo para os novos creadores

16/10/2006 O novo Centro de Creación e Formación Cultural converterase no espazo no que os creadores que comezan poderán formarse e difundir a súa produción. O complexo ubicarase nun edificio anexo ao Colexio Santiago Apóstolo e estará listo nun prazo aproximado de oito meses.

Esta iniciativa responde á intención municipal de dar "apoio aos creadores locais", apuntou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación do proxecto. Acompañouno a responsable de Educación e Mocidade, quen destacou que o Centro será "un espazo de encontro e ofertará a posibilidade dun ocio creativo e cultural".

Cursos, servizos de autoedición, informacións de todo tipo, axenda de actividades de cada mes, intercambios con outras cidades, consellos e apoio para a montaxe, a creación e a difusión de espectáculos, así como espazos para expoñer a creatividade de cada un. O obxectivo é ofrecer un lugar onde os creadores e creadoras poidan ver reforzado o seu traballo artístico e a súa capacidade de organización e, ao mesmo tempo, facilitar ao público o acceso ás correntes artísticas máis actuais. A idea é construír todo isto desde a colaboración cos distintos colectivos, proxectos, institucións e circuítos implicados na dinamización da creación cultural.

Este espazo municipal pretende tamén servir de trampolín dos artistas máis novos que por razóns diversas non contan con lugares estables onde desenvolver o proceso creativo. Con esta perspectiva, unha das funcións deste equipamento é contribuír á igualdade de oportunidades no mundo artístico.

O Centro disporá dun espazo con tres módulos para a creación e a dispoñibilidade de ensaios que dean cabida a todo tipo de manifestacións artísticas. Tamén haberá un espazo de formación, cunha programación estable en base a cursos e talleres artísticos sobre especialidades diversas: música, expresión corporal, artes plásticas, malabares, circo, mimo, artesanía, cómic, etc. Finalmente, habilitarase un módulo de difusión, no que se pretende xerar a elaboración dunha publicación periódica, así como a publicidade dunha boa parte das actividades que se desenvolvan.

Censo

Outro dos obxectivos é a creación dun censo de xoves creadores, no que se recollerán todas as experiencias artísticas que se detecten. A partir do censo elaborarase un catálogo de xoves creadores de Santiago de Compostela que se editará e difundirá, co obxectivo de que sirva para a súa promoción e o intercambio entre eles na perspectiva de formalizar posibles colaboracións.

O Centro construirase nun anexo ao edificio principal que ten o CEIP "Santiago Apóstolo" que será totalmente rehabilitado. Investiranse 250.000 euros en acondicionar os aproximadamente 700 metros cadrados dos que dispón, divididos en dúas plantas.

Compartir: