XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba un convenio coa Asociación Cultural Cidade Vella

27/11/2015 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación Cultural Cidade Vella para a realización dunha serie de actividades que pretenden dinamizar o casco histórico. O acordo trata de asentar, na zona vella de Compostela, un modelo de programación cultural e de ocio de proximidade, de pequeno formato, e respectuoso co descanso dos veciños.

O convenio aféctalle a once locais asociados (A Casa das Crechas, A Gramola, A Reixa, Borriquita de Belém, Camalea, Embora, Fraggle Rock, Literarios, Modus Vivendi, Momo a Rúa e Ultramarinos), e as actividades propostas son contacontos, monólogos, maxia, espazos de lectura, concertos, exposicións e sesións de DJ.

O acordo sinala o horario no que se van celebrar estas actividades, que serán entre as oito da tarde e a unha da mañá. As que non vaian ser amplificadas celebraranse dentro do horario de apertura do local, e as que vaian ser amplificadas terán como límite as doce da noite, agás de venres a domingo, que rematarán como máximo á unha da mañá.

O alcalde de Santiago felicitouse pola aprobación deste acordo "que supón un paso adiante na resolución dun problema que se prolongaba por máis de dous anos". Martiño Noriega amosouse convencido de que o convenio, grazas aos horarios establecidos, axudará a compatibilizar o dereito ao descanso dos veciños, co dereito ao ocio nocturno.

Suspensión cautelar das licenzas de hoteis no casco histórico
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a suspensión cautelar dos usos hoteleiro e residencial comunitario no casco histórico, con motivo da reforma do Plan Especial. Inicialmente, esta suspensión materase por un ano, mentres se determina os usos que se permitirán no futuro.

O alcalde explicou que a proposta foille formulada aos voceiros da oposición na Comisión Asesora do Casco Histórico, que amosaron o seu apoio á iniciativa. Martiño Noriega sinalou que esta suspensión cautelar ten como obxectivo "frear a saturación de establecementos hoteleiros que existe no casco histórico, e que o propio sector vén denunciando como unha sobreoferta". Nese sentido, o rexedor lembrou que son moitos os negocios deste tipo que só funcionan durante a temporada alta, o que é contraproducente para termos un sector turístico e un emprego turístico de calidade. Noriega insistiu en que a vontade do seu goberno é recuperar outros usos para a zona vella de Compostela, fundamentalmente os residenciais.

Outros acordos
Na reunión desta mañá, a Xunta de Goberno aprobou cadanseu convenio de colaboración coa Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, por un importe de 8.000 euros; coa Sala Capitol, por 9.000 euros; coa Praza de Abastos, por 10.000 euros; e co IES Rosalía de Castro, para o financiamento do Bacharelato Internacional, por 6.208 euros. Por último, aprobouse o Programa Municipal de Conciliación de Nadal, que pon en marcha a Concellaría de Educación, e ao que se vai destinar un orzamento de 13.550 euros.

Documentos relacionados



Compartir: