PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica acorda cos medios de comunicación locais descontos en publicidade para os comercios de Compostela

13/10/2006 A Concellaría de Promoción Económica e Comercio asinou un convenio cos medios de comunicación locais para que os establecementos da cidade poidan insertar neles a súa publicidade en condicións máis vantaxosas.

Este acordo pretende por ao alcance dos comerciantes composteláns a posibilidade de acceder a estes formatos publicitarios a uns mellores prezos, sabedores do custo que supón para un pequeno comerciante/empresario publicitarse en prensa, radio ou televisión. No convenio participan os seguintes medios: Onda Cero Radio, Corporación Voz de Galicia, COPE, Grupo Correo Gallego, Localia e Cadena Ser.

Os establecementos comerciais participantes nos concursos Escaparatismo SCQ Shopping 2006 e Imaxinación máis Comercio 2006, así como as persoas físicas ou xurídicas que resulten beneficiarias das liñas de subvencións dos diversos programas da Concellaría, poderán contratar a inserción de publicidade do seu estabelecemento nos medios de comunicación locais indicados en condicións máis vantaxosas mediante a aplicación de tarifas especiais.

O contratante da inserción publicitaria será directamente o establecemento comercial/empresarial ou a persoa física que presente, no medio de comunicación de que se trate, un certificado que, logo de que o solicite, emitirá a Concellaría de Promoción Económica e Comercio. Este certificado será o título habilítante para poder acceder ás tarifas especiais pactadas cos medios de comunicación e conterá os seguintes datos: nome comercial ou razón social, representante da entidade, enderezo e NIF/CIF.

Compartir: