SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía local de Santiago resolve en 48 horas o caso do condutor temerario

11/10/2006 Un vehículo alugado provocou unha situación de perigo o pasado domingo na cidade ao conducir a grande velocidade por varias rúas compostelás, danando o mobiliario urbano e atravesando beirarrúas e zonas de paso peonil. O corpo da Policía local de Santiago conseguiu resolver o caso en 48 horas, identificando ao condutor do vehículo e pechando as dilixencias oportunas, que están agora en mans da Xustiza.

A requerimento da Policía local de Compostela, C.P.L compareceu nas dependencias do corpo municipal de seguridade onde se lle tomou declaración en relación aos feitos ocorridos o pasado domingo. C.P.L. recoñeceu ser o condutor do vehículo Seat León, matrícula 7182 FFS, que causou na súa fuxida numerosos desperfectos no mobiliario urbano de Santiago, dos que se fará cargo a compañía de aluguer do vehículo.

Todo comeza cando o condutor sae do estacionamento público situado na rúa das Trompas e se dirixe cara Virxe da Cerca en dirección contraria. Enseguida é avisado por unha patrulla da Policía local, que lle dá o alto. No canto de parar, o condutor do vehículo comeza unha aloucada carreira por Santiago a alta velocidade e circulando por vías peonís, beirarrúas e direccións prohibidas.

A Policía municipal requeriu, así mesmo, a presenza de varias testemuñas que certificaron a excesiva velocidade do vehículo e a condución temeraria. Tras rematar as dilixencias, a Policía local remitiunas ao Xulgado.

Compartir: