TRANSPORTE

Renóvanse vinte novas marquesiñas no rural

11/10/2006 A empresa TUSSA continúa coa renovación dun total de sesenta marquesiñas nas zonas rurais de Santiago de Compostela, a razón de vinte marquesiñas por ano. As vinte estreadas agora súmanse ás vinte do pasado ano. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou na colocación da primeira destas marquesiñas en Escarabuñas, na Gracia.

Neste plan trianual, dotado dun total de 142.000 €, atenderanse zonas como Figueiras, Berdía, Busto, Bando, Villestro e outras zonas do rural. As últimas vinte marquesiñas instalaranse no vindeiro mes de febreiro, segundo anuncio o alcalde, quen destacou que o modelo elixido "é un modelo sinxelo, útil para o conxunto dos veciños e dun mantemento razoable polo seu tratamento antivandálico". Cada unha destas marquesiñas custa uns 7.100 euros.

Ademais das comprendidas neste programa, colocáronse outras dez máis nas zonas de Sigüeiro, Santa Lucía e A Barcia, dentro do acordo do Plan de Transporte Metropolitano. En referencia ao mesmo, Sánchez Bugallo, anunciou que o luns 16 se reúne a comisión técnica para avaliar o seu funcionamento, aínda que valorou "positivamente" o seu impacto ata o momento. "Quédanos moito camiño por percorrer ata chegar a ese escenario final desexado que é un consorcio metropolitano de transportes que se faga cargo da xestión integral do transporte público no ámbito metropolitano de Santiago", recalcou.

Os criterios para elixir as localizacións das marquesiñas axustáronse ás novas necesidades xurdidas atendendo a motivos coma o servizo ao que están destinadas (transporte colectivo, transporte escolar ou especial), número de usuarios, a estrutura xeográfica da zona, etc. Con estas instalacións renovadas mellorarase a espera para máis de 250.000 usuarios.

Ademais, estanse instalando sete novas marquesiñas urbanas, dúas do modelo máis estreito e adaptado á zona do Ensanche e a rúas estreitas, e cinco do modelo actual, que están destinadas a novas urbanizacións e antigas demandas veciñais.

Compartir: