IGUALDADE

Máis de 230 comercios da cidade vístense de loito na campaña "Compostela en Negro" contra a lacra das violencias machistas

19/11/2015 Hoxe xoves deu comezo a campaña Compostela en Negro, organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Santiago e coa colaboración da deseñadora Uqui Permui, encargada de levar a cabo a campaña.

En total son máis de 230 os establecementos que se adheriron a esta iniciativa, que quere vestir de loito a cidade para visibilizar e loitar contra a lacra das violencias machistas. Entidades como o Santiago Futsal tamén se uniron a esta campaña. O equipo compostelán disputará de negro o partido que o enfrontará este venres ao Elche no Multiusos Fontes do Sar, ao que convida a todas as mulleres da cidade.

Lemas como "Sí é si, non é non", "Sempre libre e viva" ou "Son libre de decidir a miña vida" acompañan aos maniquís que visten de negro nos establecementos da cidade. Os datos son arrepiantes. Unha de cada catro mulleres que sofre violencia de xénero non denuncia por medo e 3 de cada 10 mulleres maiores de 16 anos sofre algún tipo de violencia machista.

A campaña seguirá presente nos establecementos da cidade e nas entidades que colaboran ata o vindeiro 25 de novembro. Haberá tamén outras actividades relacionadas, como a proxección de películas contra a violencia machista no marco de Cineuropa e a lectura dun manifesto.

Área Central
Ademais, por iniciativa propia, os comerciantes de Área Central decidiron sumarse á campaña Compostela en Negro cunha serie de actividades nos propios establecementos e nos corredores do centro comercial. As actividades serán este sábado 21, de 17:30 a 20:00 horas e inauguración correrá a cargo da bailarina Nadia Bellydance.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: