ALCALDÍA

O alcalde demanda "compromisos temporais" para a alta velocidade que permitan aproveitar ao máximo o seu impacto

09/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración do primeiro Forum Transnacional do proxecto PARTNER, que se concentra na promoción da mobilidade sustentable e da accesibilidade das rexións do Espazo Atlántico ás grandes redes de transportes transeuropeos. Posteriormente, participou nunha mesa redonda xunto co ministro portugués para os Traballos Públicos, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Abel Caballero, e o parlamentario europeo e antigo ministro portugués de Emprego e Asuntos Sociais, José Silva Peneda. Alí demandou compromisos temporais para a alta velocidade, co obxecto de planificar mellor o futuro e recuperar a competitividade do ferrocarril.

Sánchez Bugallo comezou a súa intervención recordando que "dende hai demasiado tempo, as melloras infraestruturais do Norte chegan tarde". Fronte a isto, apuntou que "só un movemento de anticipación poderá crear –nun momento determinado- unha mellora relativa na posición de competitividade rexional" Para lograr isto, demadou "unha acción gobernamental que posibilite a cohesión social e a participación cívica; un poder público que estimule a capacidade de iniciativa e a responsabilización da sociedade civil e da comunidade política na construción activa dun proxecto colectivo de desenvolvemento".

Referíndose ao caso concreto das comunicacións, o alcalde aludiu á conexión ferroviaria de alta velocidade de Galicia coa Meseta, da que dixo "require compromisos temporais certos capaces de permitir a planificación e o desenvolvemento de accións de acompañamento", que permitirán aproveitar as sinerxias do impacto que suporá recuperar a competitividade do ferrocarril. Xa en relación ao Noroeste, indicou que "a opción emerxente para o inserimento rexional europeo pasa pola hipótese dunha profundización do interrelacionamento entre Galicia e o Norte de Portugal".

Finalmente, Sánchez Bugallo insistiu na dimensión do espazo Galicia-Norte de Portugal, "que acada unha expresión estratéxica que trascende do sumatorio simple de dúas áreas territoriais". Neste sentido, lembrou que este agregado emerxe no noroeste ibérico como unha eurrexión de escala media, cunha poboación de arredor de seis millóns e medio de habitantes, que representa o 12,7% da poboación ibérica. Esta concéntrase nun grande eixo litoral de apenas 300 quilómetros, representando en torno ao 10% do producto interior bruto hispano-portugués.

Compartir: