XUNTA DE GOBERNO

A Escola Infantil de San Roque estará lista para o vindeiro curso

09/10/2006 O curso 2006-2007 será o primeiro de funcionamento da nova Escola Infantil de San Roque, unha vez que se remate a súa construción nos vindeiros meses. A Xunta de Goberno local adxudicou as obras para o levantamento deste centro, por un importe de 403.551 euros.

Esta Escola contará con 60 prazas para nenos entre 0 e 3 anos. Únese así aos centros de Conxo e Fontiñas e pretende dar resposta á demanda que deste servizo existe entre os pais da cidade. Precisamente no caso de Fontiñas, aprobouse a lista definitiva de admisión e espera. Neste mesmo centro adxudicouse o servizo para a súa xestión á empresa Anainar, por un importe de 63.255 euros.

Tamén en materia educativa, iniciouse o expediente de contratación das obras de rehabilitación do edificio anexo á Escola Municipal de Música, cun presuposto de 253.712,37 euros e un prazo de execución de 8 meses. Neste espazo vaise habilitar un Centro de Formación e Creación Cultural. Finalmente, deuse o visto bo á resolución da convocatoria de subvencións ao fomento de actividades educativas e para a mocidade de carácter puntual. En total, repartiranse 40.000 euros entre 33 entidades.

En materia de obras, adxudicáronse as de reforma do Centro Cívico de Figueiras, no que se investirán 258.099 euros. Afrontarase a permitirá ampliar o lateral do edificio actual conectado co existente e a súa reforma interior. O prazo de execución é de oito meses. Máis de 24.000 euros destinaranse a mobiliario.

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o subministro de elementos de xogos infantís para diversas áreas de xogo do municipio: Santa Marta (20.445 euros), A Peregrina (19.427), Doutor Maceira (48.351), Parque Xixón (50.864) e Meixonfrío (31.178 euros).

Urbanización do Sunp-5

Entre os acordos en materia de urbanismo destaca a aprobación inicial do proxecto de urbanización do Sunp-5 de A Muíña, en San Lázaro. Trátase dun solo destinado a 414 vivendas, das que 11 serán libre e unifamiliares, e o resto de protección pública.

O polígono disporá de 15.000 metros cadrados de zonas verdes e 800 metros cadrados para zonas comerciais, ademais de 474 prazas de aparcadoiro entre superficie e interiores. O orzamento de execución é de 5,1 millóns de euros.

Resolución de contratos

O Goberno municipal tamén acordou resolver os contratos subscritos coa UTE Pontes espina para a construción e xestión dos aparcadoiros de Fontiñas e Vista Alegre. Enténdese que a empresa non presentou proxectos de execución axustados aos acordos de adxudicación e aos contratos, dende os puntos de vista económico e técnico. Ademais, procedeuse á incautación das devanditas garantías.

A intención do Concello, segundo anunciou o voceiro municipal, Francisco Candela, é impulsar canto antes estes dous proxectos. Á vista do tempo pasado, haberá que revisar o prego de condicións para poñelos de novo en marcha, especialmente o de Fontiñas.

Centro de Coñecemento do Medio Rural

A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto técnico e a solicitude de financiamento ó programa PRODER Sar-Ulla, do Centro de Coñecemento do Medio Rural no lugar de Portela, por un importe de 451.359,51 euros. Nesta antiga escola rural preténdese crear un espazo aberto tanto aos xóvenes de Santiago coma doutros municipios.

Finalmente, acordouse a suspensión da execución das obras do novo parque comarcal de Bombeiros e o petición á dirección facultativa do informe sobre a situación das mesmas. Os cambios levados a cabo respecto do proxecto inicial obrigan á dirección da obra a explicar os mesmos e as súas causas antes de continuar as obras, cuxo custo se viu incrementado respecto do presupostado. De incrementarse os gastos en máis do 20%, habería que facer unha nova licitación.

Compartir: