ALCALDÍA

Martiño Noriega pídelle á FEGAMP que reclame a derrogación da Lei de Racionalización da Administración Local

30/10/2015 O alcalde de Santiago participou hoxe na inauguración da IX Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias. Na súa intervención, Martiño Noriega reclamou un novo modelo de FEGAMP, que funcione como unha ferramenta de reivindicación e que teña á cidadanía como prioridade.

O rexedor compostelán lembrou que o mapa municipal galego mudou en maio de 2015, dándolle cabida a numerosas propostas de goberno "alternativas aos de sempre, co obxectivo de poñer os concellos ao servizo do ben común, democratizalos e facelos máis transparentes". Para Martiño Noriega, esta mudanza ten que verse reflexada na FEGAMP, "que non pode continuar exclusivamente co seu discurso histórico alicerzado na procura dun novo financiamento para comezar a dispersión e envellecemento da poboación galega". Aínda que o alcalde compostelán entende que eses problemas afectan aos concellos, lembra que "son precisas novas políticas de país que procuren ese reequilibrio territorial e ese novo paradigma baseado nun desenvolvemento económico sustentable, do punto de vista humano, social e económico".

Martiño Noriega avogou por unha FEGAMP que responda con contundencia ás agresións do Goberno de España contra a autonomía local, pedindo a derrogación da Lei de Racionalidade e Sustentabilidade da Administración Local. Ese, entende o rexedor compostelán, debe ser o principal obxectivo nesta nova etapa da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Compartir: