ACCIÓN CULTURAL

Los Duguis Impro levan a escena "Spin Off", espectáculo de improvisación teatral

29/10/2015 Tres improvisadores crearán os argumentos, as tramas, os conflitos, os xiros... no tempo que dura a función, irán pedindo comentarios e palabras ao público para construír cada vez unha historia diferente. Un técnico de son improvisará en directo a música de fondo perfecta para cada situación. Isto farán Los Duguis Impro en Spin Off, o espectáculo de improvisación teatral que poderemos ver esta fin de semana na Zona "C". En total serán 3 funcións, este venres e de novo sábado ás 20:30 horas, e domingo ás 19:30 horas. O prezo das entradas é de 8 euros e poden mercarse na billeteira do Teatro Principal no seu horario habitual ou unha hora antes de cada función na Zona "C".

Un compromiso urxente dun escritor coa súa editorial. Ao final o escritor non só terá un, senón dous libros distintos e novos en cada función. Novela histórica, romance, drama... todos os xéneros son posibles neste espectáculo, pero sobre todo a comedia, a diversión e a creación no momento.

Sempre se fixo a película ou a obra teatral a partir do libro, en Spin Off faranse primeiro as escenas e despois, quen sabe, se cadra publícase o libro. Iso será, como sempre, decisión do público.

A improvisación teatral é a habilidade de contar historias que se crean e desenvolven no instante mesmo de actualas. Tamén coñecida como "impro", é unha depurada técnica con normas e motores para facer dela un espectáculo en si mesmo.

O improvisador en escena é ao mesmo tempo: actor, director, escenógrafo e dramaturgo da súa propia historia-espectáculo de salas para público adulto.

A compañía
Los Duguis Impro é unha compañía de teatro de improvisación que nace no ano 2012, formada por Oswaldo Digón (actor e director), Marita Martínez, Noemi Miranda e Marta Igrexas. Cada un dos membros provén de diferentes camiños das artes escénicas, monólogos, teatro, contacontos, circo, clown... Xuntos comezaron o seu camiño no mundo da improvisación no ano 2010, formándose coa compañía ImproMadrid Teatro, discípulos de Keith Johnstone, creador desta revolucionaria técnica teatral.

Compartir: