TURISMO E ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello aposta por unha mesa de intermediación que facilite información urbanística e asesoramento á hostalería

29/10/2015 Os concelleiros de Turismo, Marta Lois, e de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, mantiveron unha reunión coa nova directiva da Asociación Hostalería Compostela. Nesta primeira toma de contacto, abordáronse cuestión como as ordenanzas de terraza e de ruídos, sobre cuxa revisión o Concello quere abrir unha vía de diálogo co sector hostaleiro.

Concello e hostaleiros coincidiron na necesidade de mellorar a regulación dos controis da ordenanza de ruídos, normativa que, en palabras de Jorge Duarte, precisa unha revisión. Ademais, o concelleiro apostou pola creación dunha mesa de intermediación, na cal "os hostaleiros puideran ter información sobre condicións ou estado de expedientes, e un asesoramento antes de facer obras en terrazas, fachadas, en materia de ruídos, etc, e así evitar infraccións".

Tamén na revisión da ordenanza de terrazas se quere contar coa achega de Hostalería Compostela. "A regulación do espazo publico ten que contar cos cidadáns, pero tamén co sector de hostalería, estratéxico nesta cidade", apuntou o edil ao respecto.

A xuntanza serviu igualmente para que a Asociación fora convidada a partir nas mesas sectoriais de revisión do Plan Especial, no que xoga un importante papel a regulación dos usos hostaleiros. "Entendemos imprescindible a vitalidade cidade histórica e iso pasa por ordenar e regular usos", apuntou Duarte. Hostalería Compostela tamén recibiu a invitación a participar nas primeiras mesas do Pacto pola Mobilidade (10 de novembro) e da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (11 de novembro).

Compartir: