IGUALDADE

Máis de 140 locais comerciais súmanse á campaña "Compostela en Negro"

29/10/2015 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou en rolda de prensa a campaña 25 N. Compostela en Negro, que pretende sensibilizar sobre a lacra que supón a violencia machista. Por iso, durante a semana do 19 ao 25 de novembro, os comercios composteláns que se adhiran á iniciativa vestiranse de loito. De momento xa son máis de 140 os que queren participar desta proposta da Concellaría de Igualdade e na que está a colaborar a deseñadora Uqui Permui.

No que vai de ano, 5 mulleres foron asasinadas en Galicia, 35 no resto de España. E, no último ano, 3 de cada 10 mulleres, maiores de 16 anos, declaran ter sido vítimas de violencia física ou sexual. Dende o Concello de Santiago de Compostela consideramos que esta dramática realidade require dunha resposta unánime de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres. A violencia machista é a expresión máis extrema da desigualdade social que viven as mulleres. Ademais de reclamar medidas máis eficaces de protección para as mulleres, é necesario que sexa un tema de primeira orde para as institucións, e para os medios.

Dende o Concello animamos a cidadanía a que forme parte desta campaña para facer visible unha problemática social tan terrible como é a violencia machista. Podedes seguir a campaña nas redes sociais Facebook e Twitter.

Para sumarte
Se queres participar da campaña podes facelo chamando, enviando un SMS ou Whatsapp ao número de teléfono 698 156 272 ou ben mediante o seguinte enderezo de correo electrónico: compostela25n@gmail.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) para que nos poidamos poñer en contacto contigo.

Marcha Estatal contra as violencias machistas
O Concello estará presente en Madrid o vindeiro 7 de novembro na Marcha Estatal contra as violencias machistas. Haberá a disposición de todos e todas un autobús gratuíto organizado pola Plataforma Feminista Galega, que sairá da dársena de Xoán XXIII o día 6 ás 00:00 horas. Para reservar a túa praza envía un correo electrónico a 7nbuscompos@gmail.com. O último día de reserva é o 3 de novembro.

Compartir: