ACCIÓN CULTURAL

O pianista Francesco Tristano, protagonista do concerto do mércores 28 nas Xornadas de Música Contemporánea

27/10/2015 O pianista Francesco Tristano será o protagonista das Xornadas de Música Contemporánea o mércores 28 de outubro, no que será o penúltimo concerto do ciclo. Poderemos escoitalo a partir das 20:30 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. As entradas son de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal (no horario habitual, de 18:00 a 21:00 h) ou dende unha hora antes de que comece o concerto no propio Paraninfo da Universidade.

"Sr. Gershwin: a música é a música". Esta frase de Alban Berg que fala da música como unha linguaxe universal, única e indivisible, podería resumir o ideal estético e musical de Francesco Tristano, singular intérprete, director e compositor, amante de Bach e do techno, que non deixa a ninguén indiferente co seu particular, creativo e orixinal xeito de entender o deseño dun programa de concerto ou dunha gravación discográfica.

Francesco Tristano non entende de fronteiras entre calquera dos estilos musicais que combina, sen ningún tipo de reparo nin complexo, nos seus programas. Música é música... comezando por un saúdo techno da súa autoría, o pianista luxemburgués seleccionou pezas de autores de referencia como Berio, Cage ou Ligeti, unha estrea absoluta dun investigador do son como Justin Messina e pezas propias que soarán como un todo nas súas mans.

Direccións relacionadas



Compartir: