ACCIÓN CULTURAL

A Camerata OSG, baixo a dirección de Wladimir Rosinskij, estará este martes nas Xornadas de Música Contemporánea

26/10/2015 As Xornadas de Música Contemporánea entran no seu tramo final e clausuraranse este xoves, día 29, pero antes aínda teremos a posibilidade de achegarnos a esta música cunha cita cada día. A deste martes 27 é coa Camerata OSG, dirixida por Wladimir Rosinskij e á que poderemos escoitar ás 20:30 horas no Salón Teatro. A entrada será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 h ou xa no propio Salón Teatro dende unha hora antes de que comece o concerto.

O panorama da música en Austria neste comezo do século XXI resulta moi interesante, diverso e prometedor. Boa mostra da riqueza creativa e variedade estética defendida por autores austríacos nos primeiros anos deste século son as obras de Johanna Doderer, Hossam Mahmoud e Wladimir Rosinskij, tres compositores moi distintos entre si que intentan resolver problemas importantes para os compositores de hoxe: a onde ir e, a pesar de todos os experimentos da creación actual, contar cun público numeroso que queira escoitar e teña necesidade das súas obras.

Compositora cunha especial afección pola ópera, de Johanna Doderer escoitaremos Mondsee, variante orquestral do seu cuarto cuarteto para cordas inspirado no fermoso lago e encargo do festival do mesmo nome. O Salomon-Fragment para violín só de Hossam Mahmoud non pode ser considerado música típica austríaca, senón máis ben un claro exemplo da síntese de diferentes culturas; activo compositor orixinario de Alexandría merecedor do Gran Premio das Artes de Salzburgo 2013, Hossam Mahmoud estreou recentemente no Landesteather de Salzburgo a súa segunda ópera.

O violinista austríaco Frank Stadler será protagonista destacado do concerto. A este mestre do Mozarteum salzburgués dedicou Wladimir Rosinskij o seu Concerto para violín e orquestra de cordas en tres movementos estreado o pasado ano 2014 que se poderá escoitar por primeira vez en España tras Epitafio, peza estreada no Festival Mozart da Coruña hai dez anos e probablemente a obra máis interpretada (Orquestra de Cámara de Viena, Orquestra de Cámara de Odessa, Voralberg Sinfonie Orchester) dun compositor tan vinculado a Galicia como Wladimir Rosinskij. Frank Stadler terá oportunidade de mostrar a súa versatilidade tocando a guitarra eléctrica na estrea absoluta de Fluvius Conscientia 2, un intento de sumar e penetrar en direccións musicais moi diversas.

Compartir: