MOCIDADE

O VIII Certame MúsicaXove impulsará un ano máis a artistas emerxentes que desenvolvan a súa actividade en Galicia

26/10/2015 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou esta mañá a VIII edición do certame MúsicaXove, co obxectivo de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade, como unha iniciativa máis nun conxunto de propostas que tratan de poñer en marcha estratexias nesta perspectiva. Noa Morales destacou que "se trata do oitavo ano que se celebra este certame, esta edición coa novidade de ter só unha categoría en vez das catro habituais".

O certame, ademais de ter como destinatarios aos artistas emerxentes que manteñen a súa actividade en Santiago, ábrese ao intercambio e á ampliación do circuíto, dando cabida a todas aquelas bandas e solistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Poderán participar aqueles que non superen os 35 anos de idade, que non teñan ningún disco, maqueta ou produto semellante editados con selos discográficos ou produtoras, agás que o seu traballo sexa consecuencia da autoedición.

O prazo de presentación de propostas ábrese este luns 26 de outubro e pecharase o 13 de novembro. Os grupos deberán presentarse a unha única categoría para ser valorados como grupo en xeral, independentemente do estilo musical ao que pertenzan. O xurado elixirá catro maquetas, como mínimo, que pasarán á fase de actuación en directo nun concerto final onde actuarán un tempo máximo de 15 minutos e interpretarán un mínimo de dous temas. O concerto final terá lugar o 3 de decembro na Sala Capitol.

O Concello de Santiago concederá tres premios, por proposta do xurado, que poderán declararse desertos e non poderán ser compartidos. Un primeiro premio de 2.500 euros, un segundo de 1.500 e un Premio Especial ao mellor tema interpretado en galego, de 500 euros, o cal é compatible cos outros dous.

Ademais, editarase un disco compacto coa participación dos catro finalistas do Certame. Os dous primeiros clasificados gravarán catro cancións e os outros dous, dúas cancións.

Documentos relacionados



Compartir: