ALCALDÍA

O Concello e a Fundación Ingada estudan fórmulas de colaboración

26/10/2015 O alcalde de Santiago amosou hoxe a súa vontade de colaborar na sensibilización da sociedade en todo o que ten que ver coa TDAH, o Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade. Foi no transcurso da reunión que Martiño Noriega mantivo este mediodía cos responsables da Fundación Ingada, co seu presidente, Ángel Carracedo, á cabeza. O rexedor compostelán gabou o traballo que desenvolve esta entidade, única deste tipo no conxunto do Estado.

O presidente da Fundación Ingada agradeceu a boa acollida do alcalde ás súas propostas. Na entrevista, Ángel Carracedo deulle conta a Martiño Noriega do traballo que desenvolve a entidade e do congreso que vai celebrar en Santiago o próximo 21 de novembro. O rexedor comprometeuse a buscar fórmulas de colaboración, para o que haberá próximos contactos coa concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

A Fundación Ingada está en contacto con 400 familias da provincia da Coruña que teñen algún membro con TDAH. No conxunto de Galicia, esa cifra elévase a máis de 800. Ademais, a entidade lembra que son moitas as persoas que non están diagnosticadas. A Fundación é un instituto constituído en xaneiro de 2014, que reúne a profesionais galegos de distintos sectores como a saúde, a educación, a economía, a comunicación ou o dereito.

O seu obxectivo é axudar ás persoas afectadas por TDAH (Transtorno de Déficit de Atención e Hiperactividade) e as súas familias. Trátase dunha organización sen ánimo de lucro que se dedica á formación de profesionais, a orientación clínica, pedagóxica ou laboral, as actividades preventiva, a asesoría xurídica e á participación en estudos de investigación, entre outras actividades.

Compartir: