TURISMO

A cidade logra en setembro un novo récord de pernoctacións internacionais

24/10/2015 Os establecementos hoteleiros da cidade acolleron 89.495 pernoctacións de turistas estranxeiros, a maior cifra mensual rexistrada ata o momento. No mes pasado rexistráronse 161.986 pernoctacións totais, un 7,97% máis que en setembro do ano pasado, situándose nas cifras do Ano Santo 2010.

O turismo internacional continúa crecendo en Santiago a un ritmo importante, segundo os datos do INE. Os establecementos hoteleiros da cidade rexistraron en setembro 89.495 pernoctacións de turistas foráneos, marcando un novo récord histórico na cidade, superando o que xa se conseguirá no pasado mes de agosto, cando se alcanzaran as 81.261. Esta cifra supón un crecemento do 17,36% respecto do mesmo mes do ano pasado.

O turismo internacional suma xa 487.298 pernoctacións entre xaneiro e setembro en Santiago, e vai camiño de superar amplamente o obxectivo previsto para este ano, que se situaba en alcanzar por primeira vez na cidade o medio millón de pernoctacións. Esta cifra supón xa un crecemento de preto de 100.000 pernoctacións respecto do mesmo periodo do ano pasado e incluso 150.000 máis que no Ano Santo 2010.

Fronte ao forte crecemento do turismo internacional, o turismo doméstico continúa vivindo un ano de certo estancamento na cidade. No mes de setembro tivo 72.491 pernoctacións, un 1,74% menos que en setembro do 2014. Sen embargo, sumando turismo internacional e doméstico, alcanzáronse 161.986 pernoctacións, unha cifra que representa un crecemento do 7,97% respecto a setembro do ano pasado, e que é o segundo mellor dato para este mes na cidade, so tras as 162.826 que se lograron no Ano Santo 2010.

Os establecementos hoteleiros de Santiago xa superaron o millón de pernoctacións entre xaneiro e setembro. En concreto, nos nove primeiros meses do ano rexistráronse 1.025.559 noites de hotel na cidade, un 10,25% máis que no mesmo periodo do 2014. E só a segunda ocasión, tras o Ano Santo 2010, na que se alcanza o millón de pernoctacións a falta dun trimestre para rematar o ano.

Documentos relacionados



Compartir: