XUNTA DE GOBERNO

Comezan os trámites para a elaboración do Pacto Local pola Mobilidade

23/10/2015 O documento recollerá as aportacións de axentes sociais de Compostela e de municipios limítrofes.

A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar os trámites para a elaboración do Pacto Local pola Mobilidade, unha ferramenta de traballo para definir o modelo de mobilidade e a cidade que queremos para o futuro. A intención do Concello é que na elaboración dese documento participe o conxunto da sociedade, porque se entende que "hai que iniciar unha andadura xuntos por parte da administración, do tecido asociativo, e da sociedade civil para afrontar a mobilidade urbana desde un novo enfoque". O Pacto buscará fórmulas para "reducir o uso do coche privado e promover medios de transporte menos consumidores de recursos, menos contaminantes, menos agresivos e menos acaparadores do espazo público".

O traballo para a elaboración do documento comezará xa a próxima semana, cunha primeira reunión á que están invitados diferentes axentes sociais de Compostela e tamén representantes de municipios limítrofes, porque se entende que os problemas de mobilidade de Santiago teñen moito que ver cos fluxos desde a comarca.

Santiago Suma e convenios con entidades sociais
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén recibiron luz verde 25 axudas, enmarcadas no Programa Santiago Suma de inclusión social. A contía total destas achegas é de 23.397,71€, para conceptos como manutención, aloxamento ou subministracións básicas. Na Xunta de Goberno tamén se rexeitaron outras tres solicitudes, por incumprir diferentes artigos da Ordenanza reguladora do programa. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou as dificultades para a aplicación do Santiago Suma, "porque foi concebido en base á Lei de Subvencións, impoñéndolles ás persoas os mesmos requisitos que a entidades e asociacións para a xustificación das axudas".

Ainda en materia social, o executivo deu conta hoxe da sinatura de diferentes convenios con ASPANAES, a Fundación Down Compostela, AlCER e os Voluntarios da Caridade.

A proposta da concelleira delegada de Mocidade, a Xunta de Goberno aprobou a programación de actividades a desenvolver no que queda de ano. A edil Noa Morales presentará próximamente o calendario concreto.

Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno aprobou hoxe un recoñecemento extraxudicial de crédito, co que o Concello lle fará fronte a diversas facturas, procedentes do executivo anterior, e derivadas de traballos para os que non figuraban contratos ou tiñan distintos reparos de intervención. Entre eses traballos figuraban o mantemento das redes sociais do Concello, servizos de desratización, mantemento de campos de fútbol, ou programas de dinamización educativa.

Compartir: