ESPAZOS CIDADÁNS

As obras de humanización de Montero Ríos comezarán en novembro

22/10/2015 A actuación devolveralle a rúa aos peóns, ampliando as beirarrúas e reducindo a presenza de vehículos. O concelleiro de Espazos Cidadáns presentou tamén os proxectos da Avenida de Vilagarcía e a Fase III de Vista Alegre.

O concelleiro de Espazos Cidadáns deu hoxe en rolda de prensa todos os detalles das actuacións que se vai acometer nos próximos meses en Montero Ríos e na Avenida de Vilagarcía, despois da súa adxudicación na Xunta de goberno do pasado venres. Jorge Duarte tamén explicou o proxecto da Fase III das obras de Vista Alegre, que recibiu luz verde na mesma xuntanza do executivo.

Humanización de Montero Ríos
O proxecto de humanización de Montero Ríos, aprobado xa polo goberno anterior, seguirá a liña das obras de reurbanización acometidas no Ensanche nos últimos anos. A actuación tén como obxectivo gañar espazo para os peóns, e reducir o tráfico na zona. Para iso, segundo explicou Jorge Duarte, ampliaránse notablemente as beirarrúas. Na actualidade, o seu ancho oscila entre os 1,80 metros no tramo máis próximo a Rosalía de Castro, e os 2,60 metros. Despois das obras, non baixarán dos 3 metros, as dimensións que se consideran mínimas para os peóns. A calzada será de 3,20 metros.

Ademáis, a presenza dos vehículos reduciráse ás zonas de carga e descarga que, como novidade con respecto ao proxecto previsto incialmente, estarán á mesma altura que a beirarrúa. Haberá un total de cinco zonas ao longo da rúa, que equivalen a unhas 26 prazas. Fora do horario de carga e descarga, esas áreas recupéranse para os peóns, conseguindo beirarrúas de ata seis metros, ainda que poderán ser utilizados como lugar de parada para calquera vehículo, por periodos de tempo que non superen os cinco minutos. Tamén se crean dous espazos para o aparcamento de bicicletas (con 12 prazas no cruce con Xeneral Pardiñas, e 16 no cruce con Rapa da Folla) e tres áreas para o aparcamento de motos, cun total de doce prazas. Desaparecen as prazas de aparcamento reguladas polo sistema da ORA (42), e manténse a ubicación e as dimensións da parada de taxis, no tramo máis próximo a Doutor Teixeiro.

Un dos cambios máis salientables que sufrirá a rúa tén que ver co cruce entre Montero Ríos e Xeneral Pardiñas, que vai ver elevada a súa cota para marcar con claridade que os peóns teñen prioridade sobre os vehículos. O tratamento deste punto da rúa darálle unha estética próxima á dunha praza, e alonxada dun simple cruce. Niso xogarán un importante papel o arborado e o mobiliario urbano, que vai ser renovado ao longo de toda a rúa, con novos bancos, papeleiras e luminarias. Tamén está prevista a instalación dunha illa de colectores soterrados.

As obras de Montero Ríos comezarán no mes de novembro, polo tramo máis próximo a Rosalía de Castro, e irán avanzando cara a Praza de Galicia. A intención é que este último tramo se acometa no verán, porque hai unha menor densidade de tráfico. Tamén se intentarán paliar as molestias nas zonas máis comerciais durante a campaña de Nadal. O prazo de execución previsto é de 9 meses.

O proxecto de humanización de Montero Ríos, adxudicado á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L., conta cun orzamento de 1.220.820,79 euros (IVE incluido). O concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que o presuposto foi dividido en dúas anualidades, co obxectivo de liberar orzamento deste ano para acometer outras actuacións que o goberno considerou prioritarias, como a Fase III de Vista Alegre. Jorge Duarte explicou, ademáis, que o proxecto definitivo lle foi presentado aos veciños e comerciantes en varias reunións, antes da súa adxudicación.

Avenida de Vilagarcía
O concelleiro de Espazos Cidadáns tamén deu conta do proxecto de reurbanización da Avenida de Vilagarcía, adxudicado na última Xunta de Goberno á empresa Emergis Construcción S.L, por un importe de 399.870,48 euros (IVE incluido), e cun prazo de execución de 8 meses. O financiamento corre a cargo da Deputación da Coruña, a través do plan DTC.

Jorge Duarte explicou que o proxecto que se vai executar inclúe unha modificación con respecto ao previsto inicialmente, porque non se vai actuar na conexión coa Praza de Vigo e con Rosalía de Castro. O obxectivo do goberno é completar a actuación ao longo de 2016 para poder incorporar unha illa de contedores soterrados, tal e como demandan os veciños da zona.

O deseño da Avenida de Vilagarcía será moi novidoso, porque se vai distinguir o espazo peonil do destinado ao tráfico a través de zonas en curva que se van ampliando nos puntos onde se crean áreas de carga e descarga. Ao igual que en Montero Ríos, fora dos horarios de carga e descarga, esas prazas serán para o desfrute cidadán, pero permitindo a utilización puntual por parte dos vehículos para paradas curtas.

Fase III de Vista Alegre
Por último, Jorge Duarte deu conta da aprobación do proxecto da Fase III das obras de Vista Alegre, que non estaba prevista polo goberno anterior, pero responde ás demandas veciñais.

O edil lembrou que no barrio de Vista Alegre estaban contratadas dúas fases de obras, que nalgúns puntos se solapaban, de xeito que non era posible rematar a Fase I sen antes empezar a Fase II. O problema, explicou Jorge Duarte, é que "con esta chapuceira compartimentación da obra, un contratista que traballaba na Fase I tiña que convivir con outro contratista responsable da Fase II, o que derivou en atrasos na actuación". O goberno acordou acometer unha terceira fase das obras despois dos encontros mantidos coa veciñanza en xullo, nos que recolleron queixas sobre falta de iluminación e vistas a locais comerciais, que quedaban semienterrados despois das outras fases. A única solución era rebaixar a cota da rúa, nunha media dun metro.

Unha vez aprobado o proxecto, o goberno prevé poder iniciar as obra da Fase III a mediados de novembro. Estas actuacións permitirán rematar a Fase I, que debe ser entregada antes do 31 de decembro, e que é financiada con fondos europeos Feder.
A Fase III de Vista Alegre conta cun orzamento de licitación de 887.268,81 euros, e un prazo de execución previsto de cinco meses. A actuación afectarálle á rúa Santa Comba, á rúa Noia, no tramo entre Santa Comba e Boiro, e á rúa Bispo Diego Peláez, entre Santa Comba e Castelao.

Direccións relacionadas



Compartir: