CULTURA

"Imperial: Café Cantante", unha gran produción de estrea no Principal

06/10/2006 Estréase no Teatro Principal a nova obra de Teatro do Noroeste, "Imperial: Café Cantante", unha superprodución chamada a converterse nun dos acontecementos escénicos da temporada. Un ano de traballo detrás para un espectáculo que estará nos principais escenarios de Galicia, de forma continuada, ata finais de xaneiro. Ademais, chega acompañado da edición da obra en libro e CD.

Santiago de Compostela contará co privilexio de estrear esta obra o luns 9 de xaneiro e de contar con catro funcións en total. O público atoparase cunha "gran produción musical", tal como recordou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación deste evento. Este departamento participou na obra dende a súa xestación, un feito que destacou o autor e director da montaxe, Eduardo Alonso, ao indicar que "sen a Concellaría de Cultura este espectáculo non se tería feito. O de Santiago é o único concello que apoia os proxectos dende o principio".

Este "musical á galega" supuxo un importante esforzo de produción e supón "o esbozo dun modelo novo de traballo en Galicia", apuntou unha das actrices, Luma Gómez. "Foi preciso asegurar a distribución antes da produción, para asegurar os compromisos económicos que a obra esixía", afirmou. Este esforzo tamén foi destacado polo xerente do IGAEM, Miguel Martín, quen engadiu que se trata dun "espectáculo suxerente e que promete non deixar indiferente ao espectador".

A obra de teatro chega acompañada dun libro, que recolle o texto de Eduardo Alonso para a obra, e dun CD coa música do espectáculo. "É a primeira vez que en Galicia se edita un libro-disco de xeito paralelo á obra teatral", destacou o editor da publicación, Miguel Anxo Fernán-Vello.

O Teatro Principal acollerá unha obra musical que narra unha historia de paixóns, crimes e espionaxe nos días anteriores ao estoupido da Guerra Civil Española, nunha cidade portuaria como Vigo, próxima á fronteira portuguesa.

Nun café cantante de mediados dos anos 30, danse cita os personaxes máis singulares: o espía alemán, o emigrante galego, o capitalista catalán; e sobre todo a propia atracción do café: as cancións picantes cantadas pola propietaria e a súa camareira. España e Europa pasan por momentos complicados e en Galicia descóbrense uns xacementos dun mineral moi especial para a industria armamentística: o wolfram.

A música é de Bernardo Martínez e a escenografía e o vestiario de Paco Conesa. O reparto fórmano Maxo Barjas, Carlos Mosquera "Mos", Luma Gómez, Inma António, Ramón Orencio, Xan Casas, Brandán Lorenzo, Miguel Pernas, Xavier Estévez e Xosé Vilarelle.

Compartir: