ORZAMENTOS E MOCIDADE

26 mozos e mozas forman o Grupo Motor que artellará o proceso de orzamentos participativos en Mocidade

21/10/2015 A primeira xuntanza no CSCXM do Ensanche reuniu a máis de 30 persoas que se interesaron polo proceso e aprobaron o regulamento de participación.

Arranca o proceso de elaboración de orzamentos participativos para a área de Mocidade, con 100.000 euros para actividades e proxectos que elixirá a veciñanza. O martes tivo lugar a primeira xuntanza no CSCX do Ensanche á que acudiron máis de 30 mozos e mozas, dos cales 26 se inscribiron para participar no Grupo Motor que artellará o proceso. Na xuntanza participaron tamén as concelleiras de Facenda, María Rozas, e de Mocidade, Noa Morales, que se amosaron "moi satisfeitas" co éxito desta primeira convocatoria e "as ganas de participar que se ve na xente máis nova".

Na xuntanza revisouse o regulamento que servirá de base para o proceso aprobándose varias modificacións. Mantense o requisito de ser estudante da Universidade de Santiago ou censado na cidade aínda que se amplía o rango de idade, de tal forma que poderán participar os mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Ademais contémplase tamén unha modificación dos catro criterios que propuxo o Concello para ponderar as actividades propostas. Aos existentes de valorar a promoción dos dereitos humanos, as actividades dirixidas a colectivos de interese social (xénero, exclusión…), as propostas a desenvolver en núcleos rurais ou en barrios periféricos e a colaboración das asociacións da cidade, engadiuse un novo que valora que as actividades fomenten o emprego entre a Xuventude.

Como funciona o proceso
As persoas que desexen participar coas súas propostas deberán cubrir unha ficha cos seus datos persoais e unha breve explicación da actividade ou proxecto. O número máximo de propostas que pode presentar unha persoa ou entidade é de tres.

O martes da vindeira semana ás 20 horas haberá unha segunda xuntanza no CSCX do Ensanche para continuar co proceso de participación. Nese encontro o obxectivo é dinamizar o proceso e xestionar as reunións, talleres e asemblea. Durante o proceso convocaranse tamén talleres de propostas nos centros socioculturais de Vite, Fontiñas-A Trisca e Ensanche-Conxo ou naqueles espazos de interese para a mocidade. O proceso rematará cunha única asemblea dentro dun mes para informar, presentar e validar as propostas recibidas.

Compartir: