TURISMO

O Womex encherá Compostela de músicas do mundo en outubro de 2016

19/10/2015 WOMEX 16 terá lugar do 19 ao 23 de outubro na Cidade da Cultura e en varios espazos da Zona Vella de Santiago. A edición de 2014, que tamén se celebrou en Santiago, acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia dun 6,66%: 2.400 delegados (+6,66%) e 1.470 empresas (+16,66%) encheron Compostela durante cinco días.

O éxito de WOMEX 14 posibilitou que a maior feira internacional de ‘world music’ regrese a Santiago de Compostela en 2016,
que se celebrará do 19 ao 23 de outubro na Cidade da Cultura e en diversos espazos da Zona Vella da capital.

Santiago competía con máis dunha ducia de cidades europeas de maior tamaño, pero os bos resultados da edición anterior fixeron posible a elección.

Así o informaron en rolda de prensa esta mañá os representantes das dúas institucións que o apoian: o alcalde da cidade, Martiño Noriega; e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; xunto con Francisco Viéitez, socio da empresa local que o desenvolve, Nordesía Producións. O acto foi presentado por Beatriz Loroño, xerente da Cidade da Cultura.

WOMEX 14 acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia. Os datos oficiais da pasada edición confirman o éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord de 280 stands (+12%). A isto hai que engadirlle o protagonismo da música galega, coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas participantes dentro do stand Galician Tunes, así como os retornos en termos de imaxe de marca para a cidade e para Galicia, e o impacto económico da feira.

O 90% do orzamento foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc.), con máis de 400 postos de traballo creados (250 directos e 150 indirectos). Nas últimas edicións a media do impacto positivo no PIB do territorio no que se celebrou
foi de 2,5 millóns de euros, con efectos directos e indirectos no emprego en varios sectores, tanto antes, como durante e despois do evento.

Así mesmo, hai que salientar o impacto de imaxe na cidade, con 2.400 delegados e 350 músicos provintes de 90 países, 200 xornalistas e a presenza de emisoras de radio internacionais que emitiron programas para toda Europa.

Presentación en Budapest
Esta semana, que se celebra WOMEX 15 en Budapest, terá lugar a presentación oficial de WOMEX 16 na propia feira o venres 23. Nela intervirán o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, ademais de Antón Martínez como socio de Nordesía, produtora local. A continuación, no
sábado, celebrarase o acto oficial de cesión do testemuño de Budapest a Santiago de Compostela, na que participarán as autoridades húngaras ademais das galegas.

Grande oportunidade
WOMEX 16 será un dos eventos culturais máis importantes en Galicia dos últimos anos. Con el chega una nova grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.
Ademais do feito de que WOMEX 14 foi a edición con máis asistencia de delegados do últimos cinco anos, cumpríronse os obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización. Confirmouse WOMEX como unha ferramenta de transformación tanto para a cidade como para o sector musical galego e a forza de Compostela -e da propia Cidade da Cultura- como un escenario e punto de encontro internacional.

Alén disto, a presenza de artistas galegos en WOMEX (e no Focus Galicia) colleitou un importante éxito que se traduciu en xiras internacionais para moitos deles.

Estratexia de internacionalización
O WOMEX 16 supón unha nova aposta na estratexia de internacionalización da nova música e da nosa industria musical no camiño de reposicionar o sector nun novo contexto dixital e internacional. E, desde o punto de vista local, coloca a Santiago como destino de eventos internacionais e como un lugar con discurso propio a niver internacional, sen esquecer a reorientación da cidade como destino turístico de calidade que combata a estacionalización.

Documentos relacionados



Compartir: