ESPAZOS CIDADÁNS

Santiago de Compostela súmase ao manifesto "Polo Dereito á Mobilidade"

17/10/2015 O concelleiro Jorge Duarte asinou o documento en Barcelona, xunto cos edís de Mobilidade doutras sete cidades do Estado.

Santiago de Compostela é unha das oito cidades do Estado que veñen de asinar o Manifesto polo Dereito á Mobilidade, nun acto celebrado en Barcelona ao que asistiu o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte. Nese documento, a capital galega, A Coruña, Barcelona, Badalona, Madrid, Pamplona, Valencia e Zaragoza comprométense a fomentar a mobilidade sustentable e inclusiva, traballando para reducir o uso do vehículo privado e fomentar a utilización do transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé.

O manifesto avogar por promover "un modelo de mobilidade eficaz, económico, socialmente inclusivo, que respecte a saúde e que teña en conta a habitabilidade dos barrios". O manifesto recolle as conclusións do encontro que mantiveron en Barcelona os concelleiros de Mobilidade das oito cidades.

Os edís, entre eles Jorge Duarte, puxeron en común as medidas que xa se están adoptando nos Concellos para impulsar ese modelo de mobilidade que non fomente a desproporción entre o espazo destinado ao coche nas cidades e o destinado ás persoas, que aposte polo urbanismo de proximidade, e que mellore as condicións de seguridade. As oito cidades firmantes do manifesto sinalaron tamén "a necesidade de poñer recursos económicos e humanos para lograr estes obxectivos" e reclamáronlle ao Goberno Central e ás demáis administracións que se sumen a esta aposta.

Compartir: