CULTURA

Oportunidade para coñecer os programas de títeres do Museo Nacional Reina Sofía

05/10/2006 Dentro da programación do Festival Internacional de Títeres "Galicreques 2006", chega a Compostela o actor, titiriteiro, escenógrafo e creador de títeres, Juan Manuel Recover. Dirixe a compañía Teatro de la Luna, que se encarga dos programa para títeres do Museo Nacional de Arte Reina Sofía. Falará deles e da súa experiencia traballando para a infancia, formando parte dos encontros coa arte contemporánea e colaborando para crear hábitos culturais entre os máis pequenos.

A charla celebrarase o venres 6, a partir das 19:30 horas, na Galería Sargadelos. Alí poderase coñecer a experiencia dunha compañía que leva dende o 1994 presentado encargándose dos títeres no Museo. Teatro de la Luna está tamén no Festival cun espectáculo titulado "Ferdinando".

Ademais desta charla, continúa o completo programa de "Galicreques". En canto ás representacións, as do venres comezan na Sala Yago, ás 10:00 horas, coa compañía checa Karromato, que trae a súa obra "A festa do emperador". Empreñando a técnica dos fíos, presenta un divertimento musical que parodia as representacións de ópera cortesáns do século XVIII.

Unha hora despois, no Teatro Principal, turno para os madrileños Titiriguiri, con "¿A qué sabe la luna?". Bocudos e luvas para un espectáculo que adapta un conto da editorial Kalandraka. A mañá pecharaa Karromato cun novo pase.

Xa pola tarde, varios pases para presenciar en Praterías "Os dragóns e as ras", dos franceses Marieettonio, que presentan a historia dun encontro entre dous nenos da rúa. Na Praza Roxa estará La llave descuadra, cunha montaxe de títeres de mesa para narrar as peripecias do mostro Manolito. E para rematar a xornada, Títeres de la Tía Elena representa "Cabaret contratiempo", sete breves historias exhibidas a través de marionetas de fío, luva e variña de mesa. Ademais, continúan ao longo do día os distintos obradoiros e exposicións.

Compartir: