MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

O Concello de Santiago busca fórmulas para racionalizar o tráfico no casco histórico

14/10/2015 O 4 de novembro empezarán a funcionar os bolardos de Casas Reais e San Fiz, e as cámaras de San Francisco e Porta Faxeira. As persoas e entidades que precisen acceder á zona vella poden solicitar un pase ata o 30 de outubro.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe as primeiras medidas que vai poñer en marcha o goberno local para racionalizar o tráfico de vehículos no casco histórico. Xan Duro explicou que o próximo 4 de novembro entrarán de novo en funcionamento os bolardos situados en Casas Reais e en San Fiz, así como as cámaras detectoras de matrícula ubicadas en San Francisco e Porta Faxeira.

O bolardo de Casas Reais levaba avariado seis meses, e o de San Fiz desde o comezo das obras de remodelación da Praza de Abastos. As cámaras non funcionaban desde hai catro anos. Iso provocou, segundo relatou o concelleiro, certo descontrol no acceso á zona vella e un exceso de vehículos que viña provocando as queixas dos veciños.

Solicitude
Todos aqueles organismos oficiais e vehículos comerciais rotulados que necesiten acceder a San Francisco a través do lector de matrículas instalado deberán comunicar a matrícula a través do correo electrónico: traficocidadan@santiagodecompostela.gal, antes do 30 de outubro, razoando os motivos polos que necesitan acceder a través desta entrada.

Os veciños e locais comerciais da rúa San Francisco deberán dirixirse á Oficina de Atención ao Cidadán para solicitar o permiso.

Para o resto de entradas a solicitude farase en persoa no Rexistro. Para calquera dúbida ou consulta está a disposición o teléfono 981-543128) .

O acceso irregular á zona vella supón unha sanción de 60 euros, por infracción leve.

Medidas de control do reparto na zona vella
O concelleiro de Medio Ambiente e Mobilidade sinalou que as medidas presentadas hoxe son só as primeiras dun paquete que se está a estudar para racionalizar o tráfico no casco histórico. Nesa liña, o goberno local quere afrontar os problemas que se están a detectar no reparto. Xan Duro xa presidiu unha xuntanza cunha asociación de distribuidores, co obxectivo de buscar fórmulas que palíen as molestias á veciñanza e que lles permita ás empresas desenvolver o seu traballo con normalidade. Ademáis de racionalizar o peso e o volume dos vehículos que realizan os repartos, o Concello está a estudar a posibilidade de establecer distintos horarios no inverno e no verán, adaptándose ao distinto fluxo de peóns nos meses estivais.

Conversas para garantir a fluidez do tráfico nas zonas escolares
Xan Duro tamén relatou que o seu departamento está a manter conversas cos distintos colexios de Santiago, para estudar medidas que garantan a fluidez do tráfico nas zonas escolares, sobre todo nas horas de entrada e saída das clases. O concelleiro está a falar cos directores e tén previsto facelo tamén coas ANPAS, para buscar fórmulas que permitan que os pais deixen aos seus fillos na escola, pero sen provocar colapsos nas horas punta. Tamén está habendo negociacións cos aparcamentos próximos aos colexios, co obxectivo de facilitarlles aos pais tarxetas coas que poidan estacionar por uns minutos, de balde. Xan Duro descartou que se vaian aplicar medidas coercitivas, ata que se poñan en marcha medidas alternativas.
O concelleiro de Medio Ambiente e Mobilidade aproveitou para facer un chamamento a "racionalizar o uso do vehículo privado e apostar polo transporte público, como xeito de conseguirmos unha cidade máis habitable".

Compartir: