POLÍTICA SOCIAL

A Concellaría de Políticas Sociais modificará a ordenanza do Santiago Suma para desbloquear as axudas pendentes

13/10/2015 Entre esta semana e a que vén o departamento de Políticas Sociais tramitará 50 das 111 solicitudes presentadas.

A concelleira de Servizos Sociais, Concha Fernández, deu conta esta mañá das dificultades de aplicación do programa Santiago Suma e as solucións que está a levar a cabo o goberno local.

O programa enmarcouse na lei de subvencións galega e estatal, que impide que persoas con débedas poidan acceder ás axudas de emerxencia social. Ademais esíxese que abonen por adiantado o 50% dos gastos de alugueiro e xustifiquen a final de mes os gastos de manutención. Estas circunstancias dificultan que as persoas solicitantes poidan acceder ás devanditas axudas. Por iso, o goberno local iniciou o procedemento de modificación da ordenanza para desvinculala da lei de subvencións, que propón os mesmos requisitos para persoas e entidades.

Mentres non estea feita a modificación da ordenanza intentarase axilizar o pago das solicitudes, comezando polas 50 primeiras que se tramitarán ao longo desta semana e a vindeira. Para solucionar a xustificación do pagamento que teñen que levar a cabo os beneficiarios das axudas, o goberno local está estudando a posibilidade de implantar unha tarxeta en colaboración coas entidades bancarias e os supermercados.

Na modificación da ordenanza, da que se obterá un borrador coa maior brevidade posible para o seu debate co resto de grupos, ampliarase tamén a cobertura para que poida chegar a máis xente, tendo en conta que os requisitos que se contemplan son os mesmos que os da Renta de Integración Social de Galicia (RISGA).

Compartir: