ALCALDÍA

Sánchez Bugallo:"No tema de Bando atopamos o camiño que nos dá a solución"

05/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción pola reunión mantida co secretario de Estado de Defensa, Francisco Pardo Piqueras, e co director xeral de Infraestruturas de Defensa, Julián Sánchez Pingarrón, na que se avanzou na decisión sobre os terreos de Bando. "Atopamos o camiño que nos dá a solución", apuntou, despois das discrepancias xurdidas entre a taxación feita polos técnicos do Concello e os do Ministerio.

Este foi o motivo polo que se descartou a fórmula da adquisición por parte do Concello e se optou por outra, na que se está a traballar para que finalmente se asine o convenio co Ministerio de Defensa polo que os terreos pasarán a titularidade municipal. O alcalde destacou que a vía escollida permite a posible integración do Aeroclub na operación, sempre pendentes da negociación que esta entidade manteña co propio Ministerio. Resolto isto, o Aeroclub tería a posibilidade de participar nas instalacións deportivas que se construirán en Bando, que en todo caso serán de titularidade municipal.

Nos terreos de Bando, dunhas 110 hectáreas de superficie, construirase unha grande área deportiva, dotada cun campo de golf. Ademais, están previstas algo máis de 300 vivendas unifamiliares sobre un volume edificable de 70.000 metros cadrados. Tamén se habilitará un novo hotel. Cómpre lembrar que boa parte dos actuais terreos do campo de golf serán ocupados polas novas instalacións do aeroporto de Lavacolla.

Vieiro Sar-Pontepedriña e cuarto xiro de Cornes

Sánchez Bugallo anunciou este acordo na súa habitual rolda de valoración da actualidade semanal, adiantada nesta ocasión pola súa viaxe a Bilbao para inaugurar unha rúa co nome de Santiago. Na súa comparecencia tamén se referiu ao vieiro Sar-Pontepedriña e desmentiu que houbera ningún cambio de plans en canto aos catro carrís da estrada. "Os catro carrís serán necesarios cando se constrúa a estación intermodal e faranse de xeito paralelo á mesma", sinalou. Ademais, destacou o bo funcionamento que está a ter o vieiro e o "desafogo importante de tráfico" que supón para a rotonda de Galuresa.

Tamén en materia de vieiros, o alcalde amosou a súa satisfacción pola licitación das obras do chamado cuarto xiro de Cornes. Agárdase que se comece a construír a principios do vindeiro ano, de xeito que poida estar listo á volta do verán de 2007. O remate desta obra permitirá afrontar outra, a do túnel de Galuresa, máis complicada, por canto obrigará a compatibilizar o tráfico cos traballos. Concluídas todas estas actuacións viarias, Sánchez Bugallo confía en que "se poida reducir o tráfico neste contorno dun 35 a un 40%".

Outra das referencias da rolda foi a dos voos das compañía Ryanair, a propósito da presentación dunha nova rota a terras británicas. Malia recoñecer que esta nova conexión non estaba "no inicialmente previsto", recoñeceu o esforzo da empresa irlandesa en Santiago e o positivo impacto que tivo en Lavacolla. Neste mesmo mes haberá xuntanzas co presidente de Ryanair, Michael O’Leary, para estudar a situación.

Finalmente, Sánchez Bugallo aludiu de novo á Cidade da Cultura e á polémica sobre o seu nome. "O do nome é o que menos me preocupa. O importante é que se acabe e se dote de contidos", afirmou. Ademais, insistiu en que "é un proxecto para toda Galicia, perfectamente rendible dende o punto de vista cultural e económico".

Compartir: