MEDIO AMBIENTE

Os concellos da conca do Sar suman forzas para poñer en valor a contorna do río

06/10/2015 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá unha reunión dos responsables de Medio Ambiente dos concellos polos que discorre o río Sar, presidida polo edil compostelán, Xan Duro.

O obxectivo do encontro era dar os primeiros pasos para a recuperación ambiental e patrimonial do Sar en todo o seu percorrido, desde Santiago ata Padrón.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que os municipios de Santiago, Ames, Brión, Rois, Dodro e Padrón queren sumar esforzos para poñer en valor o río Sar para a veciñanza, aproveitando todo o seu potencial turístico e hidráulico. Xan Duro relatou que os distintos Concellos acordaron elaborar un estudo sobre as características ambientais e patrimoniais desta área e, para poñer en marcha as actuacións pertinentes de maneira conxunta, tratarán de buscar fondos da Xunta e da Deputación.

Ao longo do percorrido do río Sar existen zonas de altísimo valor medioambiental, como as Brañas de Sar, en Compostela. Outros puntos, segundo se analizou na reunión de hoxe, están moi degradas pola acción humana. Neste sentido, un dos principais problemas tén que ver coa actual Estación Depuradora de Augas Residuais de Santiago, que segue verquendo moita auga sen depurar ao río.

Na reunión de hoxe participaron os concelleiros de Medio Ambiente de Compostela, Xan Duro; Ames, Catuxa García; Brión, José Luis Sampedro; e Padrón, José Ramón Pardo Andrade, así como o edil de Cultura de Rois, Martín del Río.

Compartir: