FACENDA

María Rozas remata a ronda de contactos sobre ordenanzas fiscais cunha xuntanza con Agustín Hernández

01/10/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, rematou a primeira ronda de contactos cos voceiros da oposición para tratar as ordenanzas fiscais. Rozas reuniuse co voceiro do grupo municipal popular, Agustín Hernández, ao que lle trasladou a proposta do Goberno local sobre as ordenanzas fiscais relativas aos impostos de devindicación anual do próximo exercicio.

O Goberno municipal de Compostela Aberta quere duplicar o gasto social no Concello, unha tarefa que pasa por mellorar a eficiencia, xestionar mellor os recursos, combater a fraude e actualizar as ordenanzas fiscais. O criterio do actual goberno pasa por un mellor reparto da carga fiscal, dentro do que permite a lei. Por iso María Rozas trasladoulle ao Partido Popular a súa proposta de introducir un recargo ás vivendas baleiras, un criterio incluido noutras cidades e que debería detallarse na lei autonómica galega.

Nestes tempos de urxencia é necesario redistribuir e garantir os servizos públicos e sociais. O IBI ten q diferenciar entre as familias que teñen unha vivenda residencial e outros tipos de uso non residenciais.

Outra das propostas pasa por aumentar as bonificacións tanto en contía como en duración para as familias que máis o necesitan, favorecendo os barrios e as parroquias, e fomentando comportamentos respectuosos co medio ambiente. Do mesmo xeito farase co medio rural incrementando as bonificacións fiscais ás áreas con carencia de servizos básicos. O Goberno local propón rebaixar tamén o IAE das zonas periféricas e rurais de Compostela. Ademais, estenderanse e ampliaranse as bonificacións para vivenda de protección oficial e para todo tipo de obras de rehabilitación e de mellora da accesibilidade, fomentando o aproveitamento da enerxía solar e o uso de vehículos non contaminantes.

Compartir: