UMAD

Os mozos e mozas recibirán información sobre o consumo de drogas no seu espazo de lecer nocturno

04/10/2006 A noite do xoves 5 os mozos e mozas terán un lugar onde se poderán informar sobre o consumo de drogas e os seus efectos. Esta iniciativa forma parte do Proxecto Creative, un programa de prevención do consumo de drogas no ocio nocturno para este curso 2006/2007.

O Proxecto Creative, impulsado dende a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta, pretende achegarse aos xóvenes cun programa de prevención dentro dos seus espazos de ocio nocturno. No caso de Santiago, o stand informativo situarase na zona habitual de botellón no contorno do Paseo da Ferradura, na Alameda. Alí, ademais de folletos informativos, os interesados atoparanse con profesionais que poderán responder ás súas preguntas. Ademais, haberá contedores de recollida de lixo na zona e incentivarase o seu uso con cambios de lixo por regalos (bolígrafos, pegatinas, pins, etc.)

A información facilitada está orientada sobre todo á redución de riscos sobre as distintas drogas. A campaña ten un carácter preventivo e baséase na aceptación de que cada persoa ten a capacidade e o dereito de decidir sobre o consumo de drogas. Así, dáselle ao consumidor información veraz e obxectiva que poida felicitar o non consumo. No caso contrario, cando menos o usuario terá nocións para un uso máis seguro da sustancia.

A campaña foi presentada pola concelleira de Benestar Social e UMAD, Adelaida Negreira, e pola directora da UMAD, Pilar Bermejo. A iniciativa da noite do xoves 5 repetirase os días 26 ou 27 de outubro e noutras datas de novembro e decembro aínda por determinar.

Compartir: