ALCALDÍA

Alcalde e veciños confían en que as obras no Sunp-12 de Lamas de Abade se poidan iniciar en marzo

03/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e os propietarios de terreos de Lamas de Abade asinaron un convenio de colaboración urbanística cun claro obxectivo: garantir que as persoas que compraron, e que compararán, vivendas no Sunp-12, teñan suficientes garantías de que as obras previstas no polígono van saír adiante.

Xosé A. Sánchez Bugallo salientou, na firma do convenio, que as posibilidades de que os tribunais admitan a trámite o recurso de casación presentado polo Concello son moi altas. "Están entorno ao 99%", destacou o rexedor. Que o devandito recurso sexa admitido supón que seguen adiante os procedementos previstos, deste xeito, o Concello iniciaría o proxecto de expropiación. Trátase dun trámite necesario, sen embargo, a expropiación en si non se chegaría a executar para todos aqueles que subscriban o acordo, que poderían ser o 98% dos veciños, segundo os propietarios presentes na sinatura do convenio.

No caso de que os tribunais non admitisen a trámite o recurso de casación presentado polo Concello, a solución ao problema pasaría por incorporar o Plan de Sectorización ao Plan Xeral, tal e como se prevé no convenio asinado.

En xaneiro espérase a resposta da Xustiza e, se todo sae segundo previsto, en marzo as máquinas xa poderían estar traballando no Sunp-12, segundo salientou o rexedor compostelán.

Compartir: