XUNTA DE GOBERNO

Dous estudos definirán antes de fin de ano as actuacións arquitectónicas para as ARI de Vista Alegre e Pontepedriña

02/10/2006 A Xunta de Goberno local aprobou a adxudicación das dúas asistencias técnicas que redactarán os estudos previos de directrices e solucións arquitectónicas para as áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre e Pontepedriña. Estes informes permitirán facer un diagnóstico preciso das actuacións a realizar e informar aos veciños sobre as mesmas.

No caso de Vista Alegre, a asistencia adxudicouse ao arquitecto Celestino García Braña, mentres que no caso de Pontepedriña o informe redactarano Elisabeth Ábalo e Gonzalo Alonso, finalistas do concurso Europan do ano 2000 na zona de Pontepedriña. En ámbolos casos, o importe da asistencia é de 12.000 euros. O estudo analizará dun xeito xeral a problemática do barrio, tanto da propiedade privada como do espazo público, e apuntará solucións con indicacións sobre as directrices para contratación dos documentos necesarios.

Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a aprobación dos gastos derivados da vaga de lume producida do 4 ao 14 de agosto, cifrados en 190.583 euros, así como a solicitude de subvención á xunta por este mesmo importe. Estes gastos corresponden a horas extraordinarias e gratificacións por servizos extraordinarios (87.259), a danos sufridos en diverso material (74.583) e a catering (10.403).

Casa de Brandía

En canto a obras, destaca a aprobación do proxecto e a apertura do expediente de contratación da segunda fase da rehabilitación da Casa de Brandía, en Vidán, onde está o centro sociocultural deste barrio. A licitación para este proxecto é de 232.114 euros, que permitirá rehabilitar a primeira planta deste edificio, tras habilitarse a planta baixa na anterior fase. Nesta superficie situarase a biblioteca, un gran espazo para diversos talleres e exposicións, un despacho e aseos.

O Goberno municipal tamén ratificou o proxecto e o inicio de expediente de contratación das obras contratación de obras de ampliación do canil refuxio de animais de Zarramacedo-Bando, por un importe de 159.999 euros. Grazas a esta actuación, o centro contará con dous novos módulos.

No eido educativo, deuse o visto bo ao proxecto técnico das obras de rehabilitación do edificio anexo á Escola Municipal de Música, na rúa de Betanzos, por un importe de 253.712 euros. Este anexo destinarase a aulario como complemento da Escola, e incluirá a unificación dos accesos, a substitución da cuberta, a colocación de nova carpintería ou a implantación de todas as instalacións básicas, entre outras actuacións.

En Deportes, aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións ás escolas deportivas correspondentes ao último trimestre de 2006. A dotación orzamentaria é de 19.000 euros, que se repartirán entre os centros de ensino público e concertados de primaria para a realización das súas actividades deportivas. Tamén se ratificou unha nova edición do programa de natación escolar "Á auga patos", que se desenvolverá nas piscinas de Santa Isabel e Sar, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas, ata o 31 de maio de 2007. O custo máximo por alumno será de 40 euros para todo o curso.

Compartir: