CONSORCIO

Galicia e Portugal intercambian experiencias en torno á creación contemporánea

02/10/2006 O Consorcio de Santiago e A Chocolatería queren abrir espazos de difusión da arte contemporánea no contexto Atlántico. Neste marco desenvolveranse os "Diálogos ibéricos", un grupo de obradoiros para fomentar o intercambio entre artistas galegos e portugueses. Trátase de fomentar un diálogo que traspase a fronteira nun campo, a arte, no que historicamente non se deu o mesmo contacto que se produce neutros ámbitos culturais e económicos.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou estes encontros, que se unen á "multitude de eixos de colaboración" entre Galicia e Portugal. "O que se pretende con este evento é interrelacionar máis directamente Galicia e o Norte de Portugal, porque a arte non poder ter fronteiras", sinalou. Neste sentido, lembrou o papel que nestas relacións xoga o Eixo Atlántico e os vínculos existentes entre o país luso e a propia Compostela.

Os "Diálogos ibéricos" desenvolveranse nos meses de outubro, novembro e decembro. O primeiro deles, do 2 ao 4 de outubro, corresponde a Pedro Tudela, que conducirá un obradoiro de escultura e medios audiovisuais, especialmente de arte sonoro, medio no que o artista leva anos destacando. Este mesmo mes, do 23 ao 25, Daniel Blaufuks levará adiante un taller centrado nos conceptos e nas técnicas fotográficas, que se achegan ao vídeo e ao cine.

Cada obradoiro consta con 15 participantes, que son seleccionados polos propios artistas portugueses. Para participar esíxese estudos de Belas Artes, Artes e Oficios ou semellantes, ou certa traxectoria artística. Os talleres están coordinados polo luso Paulo Reis.

Mediante estes diálogos e a convivencia nos obradoiros, os artistas poderán achegarse tanto a diferentes ideas e conceptos artísticos, como a diversas técnicas e formas de traballar dos artistas portugueses. Todos eles teñen unha acreditada e longa experiencia internacional, representando un amplo espectro de experiencias artísticas, que van dende a arte sonora ata a fotografía ou a pintura.

Compartir: