AUDITORIO

A Filharmonía de Galicia estrea as obras do galego Octavio Vázquez

12/04/2005 O xoves 14 de abril ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave. Como solista estará o óboista Thomas Indermühle.

Programa: Hermes...................................Octavio Vázquez (1972)
Concerto para óboe..................Richard Strauss (1864-1949)
Serenade en Mi maior, op. 22....Antonin Dvorák (1841-1904)

A obra do compositor galego Octavio Vázquez será estreada no concerto do xoves, ao que asistirá o propio compositor. Vázquez, recoñecido como un dos líderes musicais da súa xeneración, escribiu estensamente en todos os xéneros, dende música para concertos ata bandas sonoras.

A súa música foi interpretada en diferentes países de Europa e de América. Recentemente estreou a súa Sonata para viola e piano nº 2 no Carnegie Hall e o seu Trío para frauta, viola e cello no mesmo escenario, obra que gañou o Concurso Internacional Prokofiev en San Petersburgo. A temporada pasada estreou o seu Galician Folk Dances, encargo do New York State Council on the Arts and Humanities.

Despois do seu debut en Nova York no 2001 coa soprano Ewa Izykowska, interpretando as súas propias cancións, en maio do mesmo ano dirixiu a Cosmopolitan Symphony Orchestra, xunto ao pianista Julián Gargiulo.

Vázquez, quen estudou no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e posteriormente no Peabody Consertory da Johns Hopkins University en Baltimore, reside actualmente en Nova York.

Thomas Indermühle
Nado en Berna, Suíza, en 1951, en 1974, foi galardoado co premio Primavera de Praga e nomeado óboe solista da Netherlands Chamber Orchestra.

En 1976 gañou o International Munich Competition, conseguindo numerosos compromisos como solista entre os que se incluíu unha actuación televisada do Concerto de Mozart coa Bavarian Radio Symphony Orchestra dirixida por Rafael Kubelik.

En 1979 converteuse en óboe solista da Rotterdam Philharmonic Orchestra; en 1984 abandona a formación para proseguir coa súa carreira en solitario.

Thomas Indermühle actúa como solista por toda Europa, os Estados Unidos, Canadá, Xapón, Corea e Australia. Na actualidade, é profesor no Conservatorio de Zürich e no Musikhochschule Karlsruhe, Alemaña.

Varios compositores alemáns escribiron para el, como Wolfgang Rihm e Manfred Trojahn, e o compositor xaponés Akira Nishimura dedicoulle Karura, un concerto para óboe e orquestra de cámara.

Compartir: