PLENO MUNICIPAL

O Pleno municipal aproba inicialmente a nova Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza urbana

28/09/2006 A nova Ordenanza de residuos e limpeza viaria foi aprobada inicialmente polo Pleno municipal, cos votos favorables do grupo de Goberno e a abstención do Partido Popular. A nova norma substitúe á vixente na actualidade, do ano 1989, adaptándose á realidade social de hoxe. Recolle aspectos como o botellón ou a limpeza das zonas próximas a masas forestais e incremente o capítulo de sancións.

Segundo indicou a concelleira de Medio Ambiente, Limpeza e Cemiterios, Marta Álvarez-Santullano, esta norma ten como obxectivo "garantir un espazo público de calidade para a administración, pero sobre todo para a cidadanía, ao adoptar unha actitude corresponsable nas estratexias de recollida e de limpeza para o municipio". Neste sentido, apelou á "responsabilidade compartida de facer cidade" e á esixencia "dunhas pautas de comportamento cívico que permitan a liberdade dos cidadáns co límite esencial do respecto aos demais, que preserven o patrimonio urbano, histórico e natural".

A concelleira amosou o seu rexeitamento "aos comportamentos incívicos dunha minoría que, ademais de danar bens e espazos que son patrimonio de todos, supoñen un ataque á convivencia, unha actitude de insolidariedade e unha falta de respecto cara a unha gran maioría de composteláns que asumen civicamente os seus dereitos e deberes cidadáns". Ademais, recalcou, "todo isto implica empregar miles de euros cada día en labores de limpeza e mantemento que poderían ter outro destino".

Ao respecto dos problemas neste campo sufridos pola cidade, apuntou "os ocasionados polas pintadas, excrementos dos animais domésticos nas rúas, vertidos ao chan, oríns nos espazos públicos, mobiliario urbano e xogos infantís deteriorados por actos vandálicos, mal uso dos colectores de lixo ou vertidos ilegais". Fronte a isto, o Concello elaborou esta nova Ordenanza, "como unha ferramenta máis na corrección de actitudes e comportamentos neglixentes e irresponsables". O obxectivo final, dixo, é "facer de Santiago unha cidade máis cívica, limpa e acolledora, respectuosa cos dereitos das persoas, protectora do patrimonio, dos espazos públicos e da paisaxe urbana, é tratar de configurar un modelo de cidade que require a implicación e a participación de tódolos composteláns".

Axudas á rehabilitación integral

Outro dos acordos do Pleno foi a aprobación inicial da ordenanza xeral reguladora das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rehabilitación integral. A proposta recibiu o voto favorable dos tres grupos municipais Estas axudas van a afectar en primeira instancia aos veciños do polígono de Vista Alegre que queiran renovar as súas vivendas.

A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, lembrou que esta Ordenanza, a primeira deste tipo que se aproba en Galicia, se fixo en sintonía coa Administración autonómica e cos propios veciños e que confirma a Compostela como unha cidade "á vangarda das políticas de rehabilitación do país". Nisto mesmo coincidiu o voceiro do BNG, Néstor Rego, apuntando que se trata "dunha actuación pioneira para a mellora da calidade urbana".

As axudas consistirán en subvencións a fondo perdido do custo das actuacións. Non poderán acceder ás mesmas persoas con ingresos familiares superiores a 6,5 veces o indicador publico de renda de efectos múltiples. A contía máxima da axuda en ningún caso excederá de 20.000 euros por vivenda. No caso de locais nos que o promotor participe das obras de rehabilitación dos elementos comúns, non se poderán superar os 12.000 euros. A cantidade mínima aportada por actuación será de 2.000 euros.

Esta ordenanza establece unha prioridade, a rehabilitación dos elementos comúns dos edificios sobre a dos espazos privados da vivenda.

Vía libre ao Sup-1

Outro dos acordos unánimes foi a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial solo Sup-1 de Romero Donallo. Impúlsase deste xeito e despois de anos de paralización un polígono que estivo paralizado durante anos debido a varios contenciosos xudiciais. Este novo espazo, segundo indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, "permitirá converter a Romero Donallo nunha avenida urbana e servir de conexión entre o Ensanche tradicional e o novo de Conxo.

No Sup-1 construiranse 200 vivendas, rodeadas de amplas zonas verdes e deportivas, unha gran praza e unha importante dotación de servizos. O arquitecto César Coll deseñou esta actuación, que suporá un importante lavado de cara para esta parte da cidade. Entre o máis destacado deste novo espazo están dous novos edificios que, á marxe do seu uso, permitirán cubrir as partes traseiras dos edificios que teñen o seu fronte na rúa Rosalía de Castro.

O Pleno tamén ratificou tamén o acordo sobre as festas locais para o ano 2007, que serán o martes de Antroido, o 20 de febreiro, e o día de San Roque, o 16 de agosto. Este ano a Ascensión coincide o 17 de maio coa celebración do Día das Letras Galegas, polo que non se contempla este día. Finalmente, resolvéronse as alegacións e aprobouse definitivamente e por unanimidade o Regulamento de comercio ambulante.

Compartir: