FUNDACIÓN GRANELL

Nova entrega do ciclo "Xoves poéticas surrealistas" na Fundación Granell

28/09/2006 O xoves 5 de Outubro, ás 19:00 horas, inaugúrase na Fundación Granell unha nova entrega do ciclo "Xoves poéticas surrealistas", coa exposición da artista franco -estadounidense María Chenut, "Primavera en Outono" que permanecerá aberta ata o 6 de novembro

Este ciclo está orientado a aqueles creadores que utilicen como eixo fundamental da súa obra, procedementos ou técnicas que poidan supoñer unha reinterpretación do corpus estético surrealista. Así, María Chenut utiliza técnicas, procedementos e ideas estéticas propias da poética surrealista como a busca do marabilloso, o obxecto atopado, a colaxe....

A mais da súa achega á estética surrealista, é característico do seu traballo unha ollada profundamente pictórica de todo o que lle rodea, concretada na valoración das texturas das superficies, e na importancia concedida á cor e ao xesto como pegada da acción humana. Utiliza tamén recursos estéticos asociados á arte de mulleres como técnicas de costura, uso de materiais do mundo téxtil, e utilización de materiais que denotan a presenza física do seu corpo como a utilización de cabelo. A exposición esta composta por unhas 30 pezas, todas en soporte fotográfico, de diferentes formatos, onde o tamaño é moi importante para a realización de xogos de escala.

Compartir: